Arzúa inviste en saneamento gran parte dos 700.000 euros que recibirá do Plan E

Arzúa inviste en saneamento gran parte dos 700.000 euros que recibirá do Plan E

01 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O goberno nacionalista de Arzúa aprobou este mediodía, na Xunta de Goberno Local, os seis proxectos que vai remitir ao Ministerio para o seu financiamento a través do Plan E-2, o Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local, que achegará a Arzúa a cantidade de 700.696 euros. Desde o consistorio salientan o grande esforzo inverso

Está prevista a mellora da rede de saneamento en Magolán- Estrada de Lema e na propia zona de Lema de Arriba. A finalidade desta actuación, no seu primeiro tramo, é evitar o desbordamento do colector na zona de Magolán e na aldea de Barros (parroquia de Lema) metendo unha nova rede de saneamento. No outro tramo está previsto ofrecer este mesmo servizo para as vivendas de Lema de Arriba. Estas dúas actuacións ás que se fai referencia, encóntranse moi próximas ao núcleo urbano de Arzúa, polo que se considera esta actuación de extrema necesidade. Este proxecto ten un custe de 139.344, 20 euros.

Tamén está prevista a creación dunha rede de saneamento nos lugares de O Chinelo e Capelán, pertencentes á parroquia de Santa María. Con esta actuación, segundo explicou o Alcalde, Xaquín García, complétase o servizo nesta parroquia grazas á inversión prevista que é de 98.712,23 euros.

Outro dos proxectos que está previsto levar a cabo mediante o financiamento a través destes fondos é a reforma e acondicionamento da Casa da Cultura. Esta actuación consiste na reposición da cuberta dado o estado de deterioro que presenta na actualidade. Tamén está proxectada a colocación dun lucernario sobre o patio interior coa finalidade de evitar os problemas de humidade e acondicionamento térmico que existen actualmente. A maiores tamén se vai proceder ao acondicionamento e adaptación á normativa da instalación eléctrica do edificio e ao pintado do inmoble tanto no interior coma no exterior así como ao repaso dos elementos de carpintería e outros. O goberno municipal destinará a esta actuación 152.300 euros. O Alcalde de Arzúa, Xaquín García, salientaba esta mañá a importancia desta actuación a tenor de que “esta edificación presenta importantes deficiencias sendo as máis importantes as relacionadas co illamento térmico e coas instalacións tanto eléctricas como de iluminación”.

O goberno municipal tamén ten prevista a instalación dunha centraliña telefónica de tecnoloxía de voz IP na casa consistorial. Mediante esta actuación centralizaranse todas as chamadas dos edificios que compoñen o Concello de Arzúa, coa finalidade de conseguir unha redución do custe na comunicación de todos os centros e unificando todos os teléfonos da casa do consistorio, dado que na actualidade a Casa do Concello no da cabida a todas as oficinas que o compoñen, contando con biblioteca municipal, oficina da radio, casa da cultura, escola infantil, oficina de turismo e outras en distintas dependencias, e non existindo unha intercomunicación entre elas, sendo inoperativos os medios actuais.

A instalación da centraliña, que terá un custe de 29.995,01 euros, permitirá chamar a través de internet eliminando os establecementos de chamadas, aumentando as canles de voz, reducindo mantementos e distintos servizos das compañías de teléfono.

Entre os proxectos a incluír dentro deste novo Plan E do Estado salienta a mellora do servizo de abastecemento de auga potable e da rede de sumidoiro separativo con reposición de pavimentos na Rúa do Viso. O goberno municipal investirá nesta actuación 110.672,71 euros.

A mellora destes servizos vén motivada polo estado de gran deterioro que presentan na actualidade contando non innumerables fugas no servizo de abastecemento. É de salientar que a parte do abastecemento normal que discorre pola rúa, pasa tamén o colector xeral que serve ao núcleo urbano, o material deste colector é de fibrocemento polo que se estima urxente a súa reposición por outra de fundición. Co servizo de sumidoiro ocorre algo semellante sendo necesaria a incorporación de novos materiais e de maiores diámetros. Nesta rede será incorporado o sistema separativo de augas pluviais e augas fecais. Segundo explicou o Alcalde, a finalidade é dotar tanto ao servizo de abastecemento como ao de alcantarillado de novos materiais, con diámetros adaptados ás necesidades actuais e con novos sistemas de execución, evitando así as fugas e a posible contaminación do subsolo.

Está prevista tamén a renovación e remodelación do alumeado público con reposición de pavimento nesta mesma rúa. Mediante un investimento de 169.944,85 euros, o goberno municipal dotará o servizo de alumeado de novos materiais, con cableado e lámpadas adaptadas ás necesidades actuais e con novos sistemas de execución, evitando así posibles accidentes e perdas de enerxía, impulsando o aforro e a eficiencia enerxética.

Xaquín García salientou o grande esforzo do seu goberno “na proxección de iniciativas que buscan, ante todo, facer realidade servizos imprescindibles e de primeira necesidade para os cidadáns como é o caso da mellora dos servizos de abastecemento de auga e saneamento onde centramos os nosos esforzos”.

Institucional