Arzúa repara máis de 10 quilómetros de pistas do seu rural

Arzúa repara máis de 10 quilómetros de pistas do seu rural

29 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O Concello de Arzúa comezou a executar nestes días as obras incluídas no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial que permitirán mellorar diversos camiños e pistas nos núcleos rurais do municipio ao longo de máis de 10 quilómetros. O goberno arzuán investirá preto de 300.000 euros na execución desta actuación que perm

Deste xeito, algúns dos tramos previstos están sendo executados nestes días, é o caso do camiño que vai de Sobrado e A Valiña, na parroquia de Viladavil, ata a Estrada da Mota, cuxos traballos de mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico comezaran a executarse no día de hoxe. O mesmo sucede coas actuacións previstas para acometer en diversos camiños da parroquia de Santa María, en Bosende e no lugar de Lema de Arriba.

Executado está xa o camiño que enlaza o lugar de O Pazo coa ponte de Guldrís, na parroquia de Rendal, onde o goberno arzuán ao longo dun quilómetro de pista mellorou considerablemente o estado da calzada mediante a ampliación de 0,50 metros a cada lado da vía e mellorou con 6 centímetros de aglomerado toda a plataforma. O concelleiro de Obras, Xosé León, que visitou as obras durante estes días, salientou que “nun concello con tanta dispersión poboacional coma Arzúa, as actuacións de mellora das infraestruturas viarias no rural son a demanda máis urxente”, e avanzou que nos vindeiros días comezarán tamén as restantes obras deste proxecto do POS 2009, no que a maior parte de dito plan se inviste en infraestruturas no medio rural.

Tal e como ten previsto o goberno municipal, arranxarase un camiño no lugar de Sedor (A Castañeda) e acometeranse outras actuacións no camiño que vai da Igrexa ao Outeiro (Figueiroa), no que conduce da Igrexa de Maroxo a Carballos Altos, a carón do casco urbano e pavimentarase o lugar do Sixto, na parroquia de Pantiñobre.

O Concelleiro de Obras explicaba esta mañá que, con estas actuacións, “mellorarase considerablemente a calidade de vida dos nosos veciños do rural xa que a nosa pretensión é que as vías de comunicación presenten unhas condicións de seguridade que repercutan favorablemente nos traballos diarios que levan a cabo os veciños que viven nas parroquias”.

As parroquias de Brandeso, Branzá, Oíns e San Estebo do Campo tamén serán obxecto dalgunha destas melloras previstas polo Goberno Municipal; deste xeito arranxarase o camiño que vai da Igrexa de Pantiñobre ao lugar de Os Campos (Brandeso), tamén se reparará o camiño que conduce de Salmonte ao lugar de Catro Ventos (Branzá) e o que comunica As Calles coa Igrexa en San Estebo do Campo; acondicionarase tamén unha pista no lugar de Pumar, da parroquia de Oíns.

Institucional