Aspaneps poderá medrar

A cesión gratuíta do local municipal será por espazo de 20 anos.
30 de Outubro, 2018 - 09:17 h. | Publicada por Radio Fene

O goberno de Fene levará a pleno mañá o convenio para a cesión do local que permitirá ampliar o espazo de actividade de Aspaneps. A cesión gratuíta deste espazo municipal sería por espazo de 20 anos e permitiría que a asociación optase a unha liña de axudas da Xunta para mellorar as instalacións.

Ampliar o centro ocupacional de Aspaneps, aumentado o número de prazas públicas concertadas, e mellorar así a atención psico-social á infancia, familia e persoas con discapacidade intelectual é o obxectivo do convenio que mañá 31 de outubro, levará a pleno o goberno local.Un convenio que establece a cesión de uso gratuíta, por espazo de 20 anos, dos locais 1 e 1A emprazados no Castro e de propiedade municipal. Nesta liña, o alcalde, Gumersindo Galego, lembra que na actualidade Aspaneps ocupa o primeiro dos espazos dende o ano 1997 e destaca que sumando agora este segundo local gañará metros cadrados que se traducirán nunha mellor intervención e atención por parte da asociación de pais de nenos con problemas psicosociais.

En 2006, o Concello permutou o local 1A, que agora quere ceder a Aspaneps, con outro propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Unha situación que volveu a revertirse en 2017 cunha nova permuta. Así mesmo, nos últimos meses, procedeuse ó asento catastral da propiedade, trámite que dá vía libre á cesión previo convenio. Así mesmo, esa cesión permitirá a Aspaneps optar a unha liña de axudas aberta pola Xunta de Galicia para acometer as melloras necesarias nas súas instalacións co ánimo de ampliar as prazas públicas concertadas. Así, de recibir o visto bo do pleno, o convenio someteríase a información pública por espazo de 15 días, tras o cal poderíase asinar o documento sempre e cando non se presentasen reclamacións.

Institucional

Publica o teu comentario agora