As augas fecais na praia de Almieiras

As augas fecais na praia de Almieiras

19 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Unha draga buscará no remate do emisario submarino de Limodre o punto no que está obturada a conducción. A tubería remata nas proximidades da punta do Mourón en Redes, e segundo os técnicos da empresa que no seu dia realizou a obra, é moi factible que o atascamento se produza nese punto. Segundo lle indicou esta mañá o alcalde de Fene Iván Puentes aos veciños da zona, o luns concretaránse as datas desta intervención.

O emisario por onde discurren as augas fecais das zonas de Limodre e o polígono Vilar do Colo en Fene, continua atascado e provocando que os verquidos saian directamente á praia de Almieiras por un aliviadeiro. Responsables municipais reuníronse esta mañá con técnicos de Augas de Galicia para buscar unha solución a este problema que xa dura varios dias. O edil responsable da área de servicios, José Antonio López,  buscou neste contacto, asesoramento técnico. López explica que a situación hoxe é a mesma, que o emisario continua obturado e que as augas fecais saen á luz polo aliviadeiro na praia.

Entre as solucións posibles, segundo se desprende da reunión mantida con Costas, barállase a posibilidade de tentar desatascar o emisario por presión. Poden ocurrir duas cousas, segundo o edil José Antonio López, que se consiga ou que revente por algún lado. Neste caso poderíase colocar un by pass e un emisario paralelo para quitar os residuos da praia, mentras se soluciona a avería. A tubería que soporta as augas residuais de Limodre e Vilar do Colo ten 26 anos, e máis de 2 quilómetros de lonxitude.  Segundo o parecer dos veciños, a orixe do problema está na conexión dos residuos do poligono industrial de Vilar do Colo. A sección do emisario submarino non pode coa cantidade de augas fecais e pluviais que chegan misturadas á arqueta situada na praia de Almieiras, segundo estas opinións. 

Posturas do PP e do BNG

 

Para o Partido Popular, "a falla de previsión dos sucesivos gobernos do BNG en Fene contribuiu sen dúbida a xenerar a situación que padece Almieiras, xa que se creou o polígono de Vilar do Colo sen preveer a instalación dunha estación depuradora de augas residuais". Os populares culpan a esa "falla de previsión" o problema ambiental que se padece na actualidade.  Pola súa banda o Bloque Nacionalista Galego indica que xa hai un mes os veciños da zona alertaron da obstrucción do emisario submarino. Para os nacionalistas de Fene a falla de seguimento por parte do goberno socialista dos traballos de mantemento da rede de saneamento é a orixe do mesmo. Censuran que o alcalde "tentou desviar as súas responsabilidades cara outras administracións concretamente á Consellaria de Medio Ambiente". 

Sociedade