A Aula da Natureza de Guitiriz, pioneira do programa Lug02

A Aula da Natureza de Guitiriz, pioneira do programa Lug02

27 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín inauguraron onte a nova Aula da Natureza de Guitiriz. Estará aberta de martes a domingo. Configúrase como un centro de información,
educación e sensibilización medioambiental sobre Terras do Miño.

A aula, a primeira das tres que ten previstas poñer en marcha a Deputación, forma parte do programa europeo Lug02 . Sitúase na Casa da Barxa e vai servir para poñer en valor a riqueza medioambiental da Reserva Terras do Miño a través de múltiples actividades: obradoiros de manualidades, pinturas e oficios tradicionais; presentacións de reciclaxe e aforro enerxético ou rutas de sendeirismo. Crearanse tamén grupos de persoas co obxectivo de limpar e sinalizar as rutas de sendeirismo que hai no municipio. Pero o centro do proxecto xira sobre a auga pola paisaxe fluvial que rodea a zona.

O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou que este proxecto “ pon en valor a segunda Reserva da Península Ibérica que demostra que o medio ambiente é a nosa oportunidade ecnonómica”. A alcaldesa, Regina Polín, afirmou que “en Guitiriz buscamos unha mellor calidade de vida non só para os veciños de agora, senón tamén para os do futuro”.

Esta iniciativa compleméntase coas catro aulas móbiles que están a percorrer numerosos municipios galegos. O portal web lugo2-natureza.org de aulas de interpretación serve de soporte a esta actividade tanto nas aulas físicas coma nas móbiles.

As seguintes Aulas que iniciarán a súa andaina serán a da Fonsagrada e, por último, a de Folgoso do Courel.

Sociedade