Aumenta a vixiancia

Aumenta a vixiancia
01 de Febreiro, 2021 - 02:37 h. | Publicada por Radio Fene

A policia municipal de Fene intensifica a vixiancia perimetral. O departamento denunciou esta fin de semana a un grupo de mozos e mozas que participaban nun botellón en Perlío. Desde o comezo da pandemia formulou preto de 60 propostas de sanción.

Desde que comezou a pandemia, a Policía Local de Fene tramitou 59 denuncias relacionadas coa COVID-19 e as distintas normativas de seguridade e hixiene decretadas polas autoridades sanitarias nestes meses. A maioría das sancións rexistradas en Fene foron por incumprimento das restriccións á mobilidade e do peche perimetral e, en segundo lugar, por non usar a máscara en espazos públicos, aínda que tamén se tramitaron algunhas denuncias relacionadas cos horarios e aforos en establecementos de hostalería e comerciais. A última das intervencións realizadas polos axentes locais foi durante esta pasada fin de semana nun botellón no que participaban 6 mozos e mozas na parroquia de Perlío, tramitándose as correspondentes propostas de sanción. 

A situación sanitaria do concello de Fene continúa a ser preocupante. Hoxe notificáronse 150 casos activos e a incidencia acumulada a 14 días por cada 100.000 habitantes continúa por riba dos 1000 casos. 

Por este motivo, desde a Concellaría de Seguridade insístese na necesidade de cumprir escrupulosamente coas medidas de seguridade e hixiene: respectar as restricións á mobilidade (peche perimetral individual dos concellos), saír da casa só para o imprescindible, limitar as relacións sociais só a persoas conviventes, empregar sempre a máscara ao saír da casa (tamén para facer deporte, que ha de practicarse de maneira individual ou exclusivamente con persoas conviventes), manter a distancia de seguridade de 1,5 m. e lavar ou desinfectar as mans con frecuencia. 

Tamén se recorda a necesidade de gardar confinamento domiciliario se notamos síntomas da COVID-19, se demos positivo ou se tivemos contacto estreito con algún caso confirmado ou que estea á espera de que lle fagan unha PCR. E, no caso de notar síntomas, chamar ao 900 400 116 ou ao 061 se os indicios se agravan.

De cara a vixilar o cumprimento da normativa preventiva, a Policía Local de Fene está a traballar de xeito coordinado coa Garda Civil do posto de Fene e coas patrullas de zona da Garda Civil de Tráfico, participando en actuacións conxuntas de control da mobilidade e de peches perimetrais.  Ademais tamén se intensificou a vixilancia de espazos públicos, que esta fin de semana se saldou con propostas de sanción para un grupo de seis mozas e mozos que participaban nun botellón en Perlío.

Institucional

Publica o teu comentario agora