A autenticidade de “La casa de Bernarda Alba”.

A autenticidade de “La casa de Bernarda Alba”.

03 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A compañía TNT e o colectivo de mulleres xitanas do asentamento chabolista de El Vacié (Sevilla) presentarán este sábado ás 20.30 horas no Teatro Jofre “La casa de Bernarda Alba”. Unha adaptación da que quizáis sexa a obra máis próxima á traxedia grega na dramaturxia de Federico García Lorca.

Esta versión de “La casa de Bernarda Alba”diríxea Pepa Gamboa, profesional que conta cunha longa traxectoria de traballo con sectores marxinados da sociedade e varios premios Giraldillo da Bienal de Flamenco. Gamboa apostou por sacar a autenticidade, a espontaneidade, o xogo, a tremenda enerxía e a xenerosidade das mulleres que interpretan a obra. Unhas mulleres sen alfabetizar que viven no asentamento chabolista máis antigo de Europa, onde conviven cerca de mil persoas pertencentes a unhas 250 familias que nunca antes pisaran un teatro nin oíran falar de Federico García Lorca. 

Este proxecto escénico naceu duns obradoiros de teatro para a integración de sectores marxinais celebrados en Sevilla que pretendían dotar ás mulleres xitanas de ferramentas de comunicación. Depois de ver unha versión de Divinas Palabras, de Valle Inclán, estas actrices noveis decidiron que querían adicarse ao teatro. Un obxectivo que acadaron coa representación desta obra de García Lorca que conta a historia de Bernarda Alba, unha muller cuxo rasgo máis destacable é quizais o seu fanatismo relixioso e quen, tras enviuvar por segunda vez aos 60 anos, decide vivir os próximos oito anos no máis rigoroso luto, xunto ás súas cinco fillas. 

A obra, que carece de personaxes masculinos, é unha crítica das clases sociais, do papel da muller, das tradicións, das relacións do poder, do autoritarismo ou o desexo de liberdade, ademais de abordar outros secundarios como o odio, a envexa, o diñeiro ou as apariencias.   

Cultura