Axudando aos maiores

Axudando aos maiores

21 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Allariz vén de actualizar o cadro de tarifas dos programas de Comedor sobre Rodas e Comedor Social co fin de racionalizar a súa prestación,  mantendo as condicións  que garanten a accesibilidade ós mesmos dos maiores alaricanos.

Ao longo de catro anos de funcionamento tense producido un incremento progresivo de usuarios, que indica o éxito destes servizos. O Xantar sobre Rodas atende mensualmente a unha media de 70 veciños e veciñas  que reciben diariamente nas súas casas un menú completo e equilibrado, ó tempo que se benefician da visita da persoa responsable da súa entrega que fai un labor de prevención dos problemas motivados polo illamento das persoas maiores con dependencia, favorecendo a permanencia no seu entorno.

O servizo de Comedor Social tamén está consolidado como lugar de encontro onde ademais de reunirse para xantar, tamén poden gozar de diferentes actividades de ocio como o baile de fin de semana, que se complementan coa programación permanente que se desenvolve no Fogar dos Maiores.

As novas tarifas do servizo de xantar sobre rodas seguen un criterio progresivo en función dos ingresos da unidade familiar, que irían dende os 24€ mes no caso das rendas máis baixas, ata os 97€ para os usuarios coas pensións máis elevadas. O comedor social tamén actualiza as tarifas mantendo a do tramo máis baixo de 3€  ata os 7€ para as persoas que estean empadroadas e acudan sen bono e de 8€ para os non empadroados.

Sociedade