Axudas para autónomos e microempresas

Axudas para autónomos e microempresas
29 de Outubro, 2020 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene publicará previsiblemente a vindeira semana a convocatoria de axudas a autónomos e microempresas no Boletín Oficial da Provincia. Co apoio da Deputación, destinase para ese cometido un total de 170.000 euros. Poden optar traballadores por conta propia ou as firmas que teñan con menos de nove persoas empregadas. As axudas oscilarán entre os 1.500 e os 3.000 euros para cada solicitante.

 

 

O PEL-Reactiva é unha liña provincial que ten por finalidade prover de fondos ás administracións locais para que convoquen subvencións orientadas á recuperación económica do seu tecido produtivo ou, cando menos, que lle axuden aos pequenos negocios a compensar as perdas producidas polo peche forzado durante o Estado de Alarma ou a redución da facturación por causa da pandemia.

 

Merca de material, arrendamentos e canons, adaptación dos locais ás medidas de protección, primas de seguros, gastos de auga, luz e combustibles, etc., son só algúns dos apartados que se financiarán coa convocatoria de axudas a través deste programa extraordinario que, no caso de Fene, disporá dun orzamento total de 169.808,57€. Desta cifra, 135.846,86 euros poraos o ente provincial e os 33.961,71 restantes irán por conta do Concello, despois de que esta mañá o pleno acordase a dotación de fondos procedentes dos seus remanentes de tesouraría.

 

O plan PEL-Reactiva permitirá conceder axudas de entre 1.500 e 3.000 euros a persoas autónomas e microempresas. A convocatoria municipal publicarase nos próximos días, de cara a que o tecido produtivo local poida empezar a solicitar as achegas.

 

Ampliación do comedor de Centieiras

A modificación orzamentaria aprobada a pasada semana tamén permitirá dedicar 38.000 euros ás obras de ampliación do comedor do CEIP Centieiras. Trátase dunha demanda formulada en repetidas ocasións pola comunidade educativa que se levará a cabo con fondos municipais. O Concello xa ten definido o proxecto, co que se persegue aumentar a superficie dispoñible -máis necesaria que nunca nas actuais circunstancias- ao tempo que se melloran as condicións do espazo. O Executivo local agarda poder licitar e levar a cabo a remodelación o máis axiña posible.

 

En relación co ensino, Fene tamén incorporou á modificación de créditos os custes relacionados coas limpezas extraordinarias nos centros escolares, así como os consumos enerxéticos tanto destas instalacións como das do Centro de Saúde, onde ademais se arranxará a caldeira da calefacción.

 

Cofinanciamento do Transporte Metropolitano

A relación de apartados económicos incrementados no orzamento incorpora, ademais, 24.318,39 € para o Plan de Transporte Metropolitano, que se ben habitualmente se asocia cunha iniciativa autonómica, está cofinanciado polos concellos onde está implantado. Unha vez introducida a partida no orzamento, a Xunta e mailo Concello de Fene asinarán proximamente o convenio correspondente, que favorece prezos do billete máis baratos para as persoas usuarias do transporte público na comarca.

 

57.200 euros máis para Cultura

A incidencia da COVID-19 e a necesidade de reforzar as medidas preventivas tamén repercutiu na programación cultural. A este respecto, nos últimos meses cumpriu adaptar os eventos aos protocolos de seguridade e, ademais, variar a loxística do seu desenvolvemento. Esa é a razón de incrementar en 57.200 euros as partidas correspondentes a Cultura, cos que se sufragarán os alugueiros da carpa utilizada habitualmente na praza do Concello, o custe de servizos de amplificación, consumos enerxéticos e os gastos asociados á venda/reserva telemática de entradas a través da web de Ataquilla.com.

 

Por outra banda, no pleno, BNG, PSOE e EU, aprobaron en solitario incorporar 20.000 euros dos remanentes de tesouraría ao orzamento en vigor. Con eles financiarase a instalación da iluminación do Nadal. 

 

A cantidade restante ata completar os 308.000 euros da modificación de créditos dedicaranse, na súa maior parte, a un novo aplicativo de control horario nas instalacións municipais -7.800 €-, ao pagamento de facturas eléctricas en instalacións deportivas -arredor de 10.000€- e aos custes enerxéticos do bombeo da rede de saneamento situado nas Cagallas -40.000 €-, compartidos nunha proporción 75-25% entre Fene e Mugardos.

Institucional

Publica o teu comentario agora