Baixo a eau de femme

Baixo a eau de femme
24 de Xullo, 2020 - 02:15 h. | Publicada por Radio Fene

A artista fenesa, Dulce Anca, comisaria da exposición "Eau de femme" aberta ata o mes de outubro no Centro Cultural Torrente Ballester. Muller e olor engarzan as obras de case 30 artistas. Dulce Anca atopouse onte coa visita da actriz Isabel Blanco.

ESCOITA O PODCAST:

“Eau de femme” (auga de muller) é o nome dunha exposición da que a artista fenesa, Dulce Anca, é comisaria. A artista de Barallobrexestou a idea hai tempo e logrou entusiasmar a unhas 30 artistas, a maioría son mulleres, que amosan, en diferentes disciplinas e a través de diferentes expresións artísticas, a súa visión da muller intimamente relacionada co olor, co aroma.

En “Eau de femme” hai olores diversos, desde o olor a mar, a perfume, a xardín, a sexo...Hai mulleres do mar, hai mulleres chic ben perfumadas, hai nenas, mulleres coa sartén polo mango, meigas…E hai debuxo, escultura, instalacións, cinema, pintura, artesanía, sons… Hai artistas de aquí e de acolá. Entre eles figuran Idoia Cuesta- Premio Nacional de Artesanía- o escultor e ceramista Caxigueiro ou a pintora, Viki Ribadulla. Están tamén, María José Leira e Gosia Trebacz e Noemí Lorenzo.

Visita sorpresa de Isabel Blanco

Entre esas obras e eses olores topamos onte a unha visitante moi particular, a actriz galega, Isabel Blanco, sorprendida e encantada con Eau de femme, segundo declarou a Radio Fene, tanto que afirma "entrei dunha maneira na exposición e saio doutra". A actriz, que deu o salto á interpretación na pel de María Ares na serie Mareas Vivas xunto con Luís Tosar e que despois traballou no cine en películas inesquecibles como " Un franco,14 pesetas" de Carlos Iglesias ou en "O lapis do cerpinteiro" de Antón Reixa.

A mostra, que debera abrir no pasado mes de marzo arredor do día da muller, véuse afectada pola Covid19 que adióu a apertura nas dúas salas máis grandes do Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol. Eau de femme permanecerá en Ferrol ata o mes de outubro. O horario de visitas actual é, de martes a venres, de 11 a 14 horas e de 19 a 21h. Sabados e domingos, só no horario de mañá.

(Na imaxe, Isabel Blanco e Dulce Anca, onte, diante da obra de Idoia Cuesta)

Cultura

Publica o teu comentario agora