Baltar pendura a boina

Baltar pendura a boina

15 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

E as boinas ficaron penduradas. O grande estandarte do núcleo de poder do Partido Popular máis próximo ao mundo rural e ás teses galeguistas -o chamado “grupo da boina” que liderou canda o defunto Xosé Cuíña- dá un paso ao carón e comeza a súa retirada da primeira liña política. Xosé Luis Baltar Pumar, alcumado barón de Ourense, non se presentará á reelección como presidente pro

O cartel que asomaba trala mesa na que anunciou esta mañá a súa renuncia á reelección como presidente do PP ourensán rezaba “Feijóo 009: Chegou o momento”. Baixo esa inscrición premonitoria, Xosé Luis Baltar, que chegou a emocionarse e tivo que conter as bágoas, decidía poñer fin a toda unha época que se estendeu durante 18 anos.

Con 70 anos de idade, o político de Esgos representou o máximo expoñente dunha maneira personalista e popular de entender a xestión institucional. Malia as tensións entre os renovadores do Partido Popular en Galicia procedentes de eidos urbanos e o sector devoto de Fraga e radicado no rural, Baltar Pumar mantivo sempre un lugar preferente e nunca ameazado grazas á súa forza electoral e ao seu predicamento entre a maioría dos rexedores do PP en Ourense. Mais, dacabalo do liderazgo de Alberto Núñez Feijóo, o presidente ourensán entende que chega unha nova etapa e prefire que sexa o seu fillo, Xosé Manuel Baltar Blanco, quen manteña o “baltarismo”. O aínda presidente provincial declarou que non entendería escisións no partido pola súa marcha e expresou o seu apoio á candidatura do seu fillo para sucedelo. “Eu son quen son”, concluíu.

Institucional