Barcos, barcos e máis barcos

Barcos, barcos e máis barcos
10 de Xullo, 2020 - 10:07 h. | Publicada por Radio Fene

Un Encontro para a criación de videoxogos organizase desde o 18 de xullo e de xeito virtual no marco do mestrado en deseño, desenvolvemento e comercialización de videoxogos, que se imparte na Escola Politécnica de Esteiro en Ferrol. Organizan a Universidade da Coruña e a asociación videoxogo.gal.

ESCOITA O PODCAST:

A proposta diríxese a calquera persoa ou grupo interesado. De partida conta coa concorrencia do alumnado do mestrado de deseño de videoxogos do campus ferrolán da UDC, do que é profesora, Luz Castro (na imaxe). Con ela achegámonos a este mundo que xa factura máis que o cine e a música xuntos. “Na actualidade o videoxogo é unha forma cultural, un medio de expresión artística. Non é só un entretemento”. Castro desmonta algún mitos. “Pénsase que so xogan os rapaces novos pero o videoxogo medrou e xogan persoas de todas as idades, case o 50% mulleres".  "Hai violencia, como no cine ou na televisión, pero hai moito máis. Hai xogos marabillosos”.

O eido do videoxogo é machista, igual que a sociedade. Hai poucas mulleres creadoras (18% en toda Europa) pero de mudar esta situación tamén mudarían os contidos. Afirma a profesora Castro que é un problema xeral no sector da informática e das enxeñerías, que segue a ser un mundo masculino. “Temos que romper ese lastre para que haxa máis mulleres no desenvolvemento e na creación”. Por último, o noso idioma non entrou no sector dos videoxogos. Recoñece Castro que é moi escasa a produción en galego porque en Galicia hai poucos centros de ensino desta materia.

O mestrado que se imparte no campus ferrolán dura dous anos e agora remata a primeira promoción con 17 alumnos procedentes non só de Galicia, tamén do resto do estado e unha alumna estranxeira. Luz Castro, profesora deste Mestrado, é tamén unha das fundadoras da asociación videoxogo.gal que ten un ano de vida e está arrancando con actividades como este Encontro. “Pretendemos crear industria do videoxogo e que esta xente non teña que marchar fora a traballar. Damos charlas no ensino e queremos dar visibilidade ao sector”.

Volvendo ao Encontro de videoxogos que arranca o día 18 de xullo. As persoas participantes deberán elixir o tema do videoxogo entre cinco propostos, a metade facendo unha chiscadela a Ferrol, e no seu conxunto moi acaídos para o xogo; “Loitando contra o virus, Restricións á mobilidade, Rompendo o teito de cristal, Defende a ría e Barcos, barcos e máis barcos”. Esas son as cinco propostas entre as que as persoas inscritas deben elixir un. O encontro comezará on line o vindeiro dia 18. As persoas participantes deberán ter ultimados e subidos á plataforma os xogos creados antes do dia 25. O 1 de agosto clausúrase o encontro tras o veredicto do xurado. Toda a información está en meninasjam.wordpress.com.

Cultura

Publica o teu comentario agora