Bello Piñeiro, a influencia poderosa do medio

Bello Piñeiro, a influencia poderosa do medio
19 de Marzo, 2020 - 09:32 h. | Publicada por Radio Fene

Felipe Bello Piñeiro naceu o 20 de marzo de 1886. Toda a súa vida procurou un recoñecemento á Escola de Pintura Ferrolana e perseguiu a necesidade de escribir unha Historia da Pintura Galega.

ESCOITA O PODCAST:

Felipe Bello Piñeiro acaba de pintar a sala de conversacións do novo Casino ferrolán en setembro de 1925. Manuel Fernández Barreiro escribe un artigo eloxioso para o pintor do Seixo.

“A impresión que produce a sala decorada por Bello é en extremo agradable e acolledora. A severa gravedade dos fondos azuis foise templando coas douradas follas do castiñeiro, coas encendidas flores do piñeiro. Bello Piñeiro é unha prodixiosa manifestación de enerxía. Neste aspecto nos sorprende e desconcerta un pouco.” Bello Piñeiro volvería ao Casino en 1932 para completar tres alzados e restaurar o teito de “La pecera”.

Outra faceta de Bello Piñeiro, menos coñecida quizás, é a de ilustrador. Xa dixemos que lle encanta investigar todo relativo á Arte Galega, pois tamén ilustrar libros de poemas, novelas como “El libro del periodista” de Basilio Álvarez ou “El señorito rural” de Canitrot, “Desde el cielo” de Manuel Murguía ou “La Santa compaña” novela de Novoa Santos. Paralelamente escribe un artigo de prensa sobre a pintura galega onde bautiza á “ Generación doliente” e un ensaio longo e ameno sobre a exposición de Castelao en Ferrol, datado no Seixo en abril de 1922 que titula “Evolución artística de Castelao”. En 1923 publica na revista Nós e pronuncia numerosas conferencias sobre a Arte galega ou Sargadelos. Tamén en anos posteriores proba co gravado e daí sae o seu “Autorretrato” de 1929, un ano no que a nai de Felipe enferma de epilepsia.

A partir daí o pintor queda atrapado nas mans de Dona Lola, quen o amenaza con retirarlle a asignación económica ao coñecer o desexo de Bello Piñeiro de casar cunha moza que ela nunca aprobou. El nunca abandona á nai pero cae na depresión e como consecuencia no alcoholimo. Nese tempo síntese fracasado e dubida da súa obra. Nunha carta ao seu amigo Fernández Barreiro escribe:

“Hai días fun cos Amantes del Campo á fervenza, detrás da antiga fábrica de tecidos, descubrín un anaco de rio e un bosque sensacional pola súa beleza. Toda a melancolía descargou sobre mín, recordándome os bos tempos cando fun libre, feliz e independente. Comparei coa miña estúpida vida actual …e formei a decisión de escaparme ao Roxal e reanudar a miña vida doutros tempos. Vano intento, Manolo”.

En 1927 funda a “Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega” do Seixo. Entre 1930 e 1933 Bello Piñeiro fai escapadas á Coruña, residindo na rúa da Franxa. Estilisticamente achégase á estampa xaponesa e reencóntrase co impresionismo. Na cidade herculina pinta “O xardín de San Carlos” lugar polo que sentía predilección e que visitaba co seu amigo Seijo Rubio. Nese periodo Bello asiste a actividades culturais, investiga sobre o folklore galego, fai decorados para o teatro e ingresa no Partido Galeguista o 20 de maio de 1933. Sorprende que despois do golpe militar a súa vida non correse perigo e que ao final da contenda chegue a ser militante falanxista. En plena guerra, entre 1936 e 1939 pintou ao óleo máis de 15 retratos – a partir dunha fotografía- de Francisco Franco. En 1939 a situación económica familiar resíntese, empezan os paseos nocturnos e de novo o alcohol.

Unha actividade que Bello Piñeiro cultivou nos anos 30 foi a de mestre de pintura. No seu estudio do Seixo acolle a un numeroso grupo de mozos da comarca de Ferrol. Bota man de libros sobre os seus admirados pintores ingleses e galegos. Cultivou o ensino ata o final da súa vida. Á súa vida chega un eivado mozo do Seixo, Loliño, unha especie de marchante  que se encargará de ir vendendo ou malvendendo os cadros que pinta Bello, unha especie de pícaro que se fai chamar “secretario de Don Felipe” que o engaña pero a quen o pintor perdoa sempre diante dunha xarra de viño. A pesar da crise persoal sigue pintando os seus nocturnos e expoñendo. Aínda en 1950 acude á “Exposición de pintores ferrolanos”. Bello Piñeiro creía na Escola de Pintura Ferrolana, nome acuñado por el para agrupar aos pintores nacidos en Ferrol e na comarca. Discípulos seus foron González Collado, Tomás Barros, Leira Domínguez e Segura Torrella. Forman “El salón de los cinco” expoñendo no Casino de Ferrol en 1952 baixo ese nome.

O 22 de febreiro de 1942, a proposta de tres académicos, Felipe Bello Piñeiro, fora elexido Académico de número da Real Academia de Bellas Artes da Coruña, o maior recoñecemento acadado polo pintor do Seixo. O discurso de ingreso vai ser unha ampla referencia á pintura galega  e aos artistas máis admirados por el, empezando por Pérez Villaamil e acabando por Laxeiro e Colmeiro. Entre as frases destacadas daquela alocución é significativa esta:

“…non creo que haxa ningún artista no noso país cuxa obra se sustraiga da influencia poderosa do medio”. Tamén dedicou unas palabras a insistir sobre a necesidade de facer unha Historia da Pintura Galega.

Bibliografía:

Mosquera, Andrés. “Felipe Bello Piñeiro (1886-1952). Edicións do Castro.1989.

Fraga, Dolores “Una pasión imposible. Cartas de amor de Felipe Bello Piñeiro” Embora. Ferrol 2004.

Leira Domínguez, J. “Bello Piñeiro e o seu tempo” 1967.

Barros, Tomás. “Lembranzas encol do estudo de Bello Piñeiro. Deputación da Coruña. 1980.

Cultura

Publica o teu comentario agora