A biblioteca escolar ten que ser útil

A biblioteca escolar debe adaptarse ás posibilidades do século XXI
01 de Febreiro, 2019 - 12:08 h. | Publicada por Radio Fene

Como sacarlle partido á biblioteca escolar? A iso tenta responder o profesorado do colexio Jorge Juan de Perlío. Lanzan unha campaña para involucrar a toda a sociedade lectora do centro.

ESCOITA O PODCAST:

A biblioteca escolar foi no seu dia unha demanda obrigada. Hoxe da un paso adiante co soño de adaptarse ás necesidades do século XXI. Na biblioteca escolar do colexio Jorge Juan de Perlío, dende este curso incluída no Plan de mellora das bibliotecas escolares da Xunta de Galicia, teñen iniciado unha campaña de promoción dese espazo entre o alumnado e o profesorado. Queren que sexa útil, sacarlle o maior partido pedagóxico posible. Para iso está Marta Fernández Leira, mestra especialista en Pedagoxía Terapéutica e coordenadora do equipo da biblioteca escolar. Con ela falamos dos obxectivos trazados neste centro para lograr que a biblioteca conte con todo o necesario para adaptarse aos novos tempos.

Os libros son fundamentais, pero tamén as novas tecnoloxías e outras formas de información, para facilitar a adquisición de competencias e de paso un maior rendemento académico. O profesorado tamén precisa reciclarse e tomar parte desta sociedade lectora arredor da biblioteca escolar. Nela un grupo de alumnos e alumnas investigaron e seleccionaron uns poemas arredor do Día da Paz que nos regalan nesta visita a Radio Fene.

Sociedade

Publica o teu comentario agora