A biblioteca Paula Carballeira inaugurouse en Maniños

A biblioteca Paula Carballeira inaugurouse en Maniños

03 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A biblioteca Paula Carballeira debe convertirse nun centro de recursos e de información, un lugar onde se aprenda a descubrir xeneros literarios. Temos que educar ao noso alumnado para seleccionar información. Foron algunhas das ideas que se transmitiron esta mañá no acto de inauguración da biblioteca do colexio Os Casais de Maniños en Fene (A Coruña). A escritora manifestouse moi agradecida pola iniciativa do colexio de designar co seu nome ese recuncho do f

“Parece mentira, pero en moitos lugares do mundo non saben que existe Maniños” afirmou esta mañá a escritora, actriz e contacontos Paula Carballeira. A autora comprometeuse a divulgar o nome e a existencia da parroquia nas súas viaxes, nos seus percorridos polos diferentes continentes. Manifestouno así no acto de inauguración da biblioteca do colexio Os Casais de Maniños, celebrado este mediodia.

O centro educativo e máis Paula Carballeira medraron a un tempo,  segundo explicou esta mañá a escritora cunha cara chea de felicidade. Non sei se o merezo pero estou moi orgullosa, afirmou Carballeira. O director dos Casais Alvaro García agradeceu a Paula que ceda o seu nome para a biblioteca. Indicou que é escritora, contacontos, actriz de teatro e de televisión, absolutamente polifacética. Alvaro García agradeceu a toda a comunidade educativa a participación nas actividades da biblioteca. O alumnado de cuarto de educación primaria preparou diferentes discursos que pronunciaron diante do público que enchía o salón de actos dos Casais. “A nosa biblioteca é a maís divertida e organizada que vín”. “De maior gostaríame ser escritora”. “Se dixeran que nos pechan a biblioteca, non sei que cara poñería” foron algunhas das manifestacións de alumnos e alumnas. A responsable da biblioteca Maribel Serantes explicou as actividades de animación lectora e as mochilas viaxeiras, entroutras iniciativas que nacen da biblioteca. O alcalde de Fene Iván Puentes indicou que as bibliotecas son espazos de sabiduría e significan o esforzo de moitos anos e de moita xente. “Isto demostra que o centro está vivo, e por iso lle desexo unha longa vida á biblioteca e ao colexio” afirmou o primeiro rexedor.

Despois dos discursos, o alumnado, o profesorado e o público subiu á biblioteca onde riron a cachón coas historias que contou Paula Carballeira. A gata Micabigotes e o rato Gordecho tamén se rian desde un recuncho da biblioteca. Son as mascotas que guian a nenos e nenas dos Casais polas aventuras que nos contan nos libros.

Cultura