As bibliotecas presentes na Feira do Libro de Vigo

As bibliotecas presentes na Feira do Libro de Vigo

05 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Un ano máis e van 36, celébrase na Praza de Galicia de Vigo a Feira do Libro. Esta edición ten un significado especial ao coincidir co ano do  libro e da lectura. Segundo o coordenador da feira, Antonio Fernández Maira, o principal obxectivo é pór en contacto ao público cos autores para potenciar as súas últimas novidades. Outro aspecto, no que se incide, é na sección das bibliotecas para que teñan unha presen

A Feira do Libro de Vigo preséntase este ano como un evento renovado, con 19 expositores, tres máis que o ano pasado, coa participación de 40 autores e 17 presentacións de novidades editoriais. Durante toda esta semana os libros saen á rúa xunto a actividades paralelas como actuacións e talleres. A feira ofrecerá, ademais, un desconto do 10 % e sorteos diarios de premios en libros.

A feira arrincou o pasado venres, 2 de xullo, co pregón do escritor Xosé Cid Cabido cun discurso reivindicativo en defensa da nosa lingua e do libro no soporte tradicional. Entre os autores que xa pasaron pola feira atópanse, Manuel Pérez de Lis presentando o seu libro “A viaxe do ser”, os escritores Suso del Toro, Agustín Fernández Paz, Pemón Bouzas e Óscar Villán para firmar exemplares de “O rei Oso Branco”. Hoxe tócalle a quenda a Rosa Aneiros con “Sol de inverno”, Elena Gallego coa presentación do libro “Dragal. A herdanza do dragón", o escritor Isaac Otero co seu “Peregrino de Sueño y Niebla" e Xurxo Borrazás que presentará “Covalladas”. Carlos Mañas, Vicentes Araguas, Vítor Vaqueiro, María Reimóndez, Marcos Calveiro, Francisco Castro e Benigno Castro son algún dos autores que se pasarán esta semana pola feira.

Fernández Maira, sinalou en Radiofusión que as expectativas son optimistas respecto ao número de visitantes e de vendas, "nun sector no que a crise xa toca ás portas". Ademais destacou a importancia deste tipo de citas para os libreiros “xa que se dá unha mobilidade ao libro que non ten diariamente”. Presentaranse éxitos de vendas como  “A praia dos afogados” de Domingo Villar e ”Sol de inverno” de Rosa Aneiros, os máis demandados entren os visitantes. 

Feira do Libro de Vigo, na Praza de Galicia ata o domingo 11 de xullo.

Cultura