As bicicletas tomarán de novo as rúas de Fene esta fin de semana

As bicicletas tomarán de novo as rúas de Fene esta fin de semana

01 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O montañeiro e ciclista Xosé Seco estará o domingo ao fronte da "rota turística en bicicleta" que organiza a Concellería de Medio Ambiente de Fene, dentro dos actos da Semana Europea da Mobilidade. A marcha comezará ás dez e media da maña. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse o mesmo día (media hora antes da saída) na Praza do Concello.

Segundo explicou a Radiofusión Xosé Seco, na definición do itinerario a seguir "evitáronse as zonas con grandes pendentes ou desniveis, para favorecer a participación dos nenos". Neste senso, engadiu, "a rota desenvolverase fundamentalmente por zona urbana".

Comezará na Praza do Concello, pasando pola Avenida Naturais e Conces e baixando logo cara San Valentín polo camiño do Regueiro. Despois de facer un percorrido polo barrio, os participantes iniciarán o camiño de volta por Tellerías e as rúas Cruceiro e Hortelá. O último treito desenvolverase por Marqués de Figueroa, Avenida do Tarrío e rúa da Fraga. Dende este punto, os participantes baixarán de novo cara Marqués de Figueroa e voltarán cara a Praza do Concello pola Avenida Naturais.

Axentes da Policía Local e membros de Protección Civil do Concello velarán o domingo pola seguridade dos ciclistas. Como único requisito para participar na marcha, Xosé Seco lembrou que "o uso do casco será obrigatorio".

Sociedade