Bieito Cupeiro e Staffan Morling

Bieito Cupeiro e Staffan Morling
05 de Xullo, 2020 - 06:39 h. | Publicada por Radio Fene

Os nomes de Bieito Cupeiro, Antonio Fernández "Adriano" e Staffan Morling presidiron o acto de homenaxe á emigración galega celebrado este mediodía na ribeira de Barallobre (Fene). Descubriuse unha placa no paseo marítimo Bieito Cupeiro onde se alberga a lonxa da confraría de pescadores. 

Fotografía Xan Xe

Morling, de Suecia, emigrou a Galicia na década de 1960 na pescuda de similitudes entre as embarcacións tradicionais do seu pais de orixe e das rias galegas. Quedou namorado das lanchas de cabotaxe denominadas trincados e atopou os estaleiros de Barallobre e Maniños como os últimos lugares nos que se construíron as citadas gabarras. Morling impartira en Fene unha conferencia no marco dunhas Xornadas sobre a historia da ria en 1996. En 2015 recibiu unha homenaxe na ribeira de Barallobre e faleceu na súa casa en Bueu no pasado mes de maio. 
Tamén emigrou aínda que para Arxentina Bieito Cupeiro que nacera en Barallobre en 1914. Residiu en Mar da Prata e en Bos Aires e en 1945 vinculouse á Federación de Sociedades Galegas na súa Comisión de Cultura. En 1947 coñeceu a Castelao, integrándose na Irmandade Galega e nas Mocidades Galeguistas. Dirixiu a revista Orzan, foi presidente e secretario do Centro Coruñés, membro fundador do Instituto Arxentino de Cultura Galega e do Centro Galego de Bos Aires. A súa verdadeira dimensión acadouna como educador. En 1979, o Instituto da Cultura Galega organizou unha serie de cursos onde Cupeiro impartiu clases de Historia, Xeografía, Arte, Lingua, Literatura e Cultura Galegas, a máis de duascentas persoas. Tamén impartiu os seus coñecementos durante dez anos no Fogar de Ribadumia. Escribiu os libros "Xornes" e "A Galicia de Alén Mar" publicados en Edicións do Castro. Faleceu en 1993. O Concello de Fene deulle o nome de Paseo Marítimo Bieito Cupeiro á zona entre os peiraos de Barallobre e Maniños en 1995. 
Tamén emigrou Antonio Fernández Fernández "O Adriano" nacido en San Pedro de Eume en 1866. Con 16 anos marchou a Cuba e alí traballou durante máis de 18 anos no sector da construción. Volveu á península arredor do cambio de século en en Barallobre construíu a "Casa da Maleta", uns estaleiros na ribeira e o cine Adriano. Morreu en 1946 e seguía profesando un gran amor por Barallobre e por Galicia. 
(Fotografía de Xan Xe Corral)

Cultura

Publica o teu comentario agora