As bondades de dar o peito promociónanse na Semana da Lactancia Materna

As bondades de dar o peito promociónanse na Semana da Lactancia Materna

06 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

"Lactancia materna, unha resposta vital en emerxencia. Estamos preparados? ". Este é o lema mundial da lactancia materna que Bbtta, grupo de apoio á lactancia materna de Narón celebra con varios actos esta semana. A xornada comezou onte, cunha exposición fotográfica sobre a lactancia materna na vida cotiá e un stand informativo no Centro Comercial Odeón da Gándara en Narón (A Coruña).

O programa de actividades inclúe, unha mesa redonda na Biblioteca Municipal do Alto do Castiñeiro mañá mércores ás cinco do serán. A pediatra do Centro de Saúde de Fene, Guadalupe Martínez, realizará unha introducción sobre a gripe A. Falará das súas repercusións e das verdades e mentiras dos comentarios sobre a doenza. Intervirán como invitados dous matróns do Hospital Arquitecto Marcide, César Nieto e Alberto López. Tamén participará a matrona Isaura González, abordando o tema da lactancia materna.

O stand informativo regresará a Odeón este xoves 9. O sábado 10 de outubro celebraráse unha gran festa na Praza de A Gándara a partir das cinco do serán. Baixo unha carpa, os asistentes poderán participar nos xogos infantís, carreiras de sacos, sesións de contacontos e talleres de cancións entroutras actividades. A sesión arrufarase pola Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón durante toda a tarde.

Sociedade