Bos días galegos. Eiquí Sempre en Galiza

Setenta anos da voz galega no Uruguai
05 de Outubro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

"Bos días galegos. Eiquí Sempre en Galiza" é o espazo radiofónico da emigración galega en Uruguai, en antena 70 anos despois.

ESCOITA O PODCAST:

Entrevista con Mónica Rebolo:

http://173.255.131.18/audio/021020REBOLO.mp3

Reportaxe realizado por Eva Mazás:

http://173.255.131.18/audio/051020MAZAS.mp3

Quen lles ía dicir aos galegos emigrados a Uruguai nos anos 50 que a audición radiofónica “Sempre en Galiza” ía perdurar no tempo ata hoxe en dia. O 3 de setembro cumpriu este programa radiofónico da emigración, 70 anos de vida. De “traxectoria inédita” cualifícao a xornalista Mónica Rebolo quen publicou un libro “Bos días galegos. Eiquí Sempre en Galiza” (edicións Laiovento.2002) contando esta experiencia. Un feito descoñecido para moitos galegos e galegas, "mesmo para as persoas que nos adicamos á radio", recoñece. Conta Rebolo que o espazo Sempre en Galiza naceu con tres principios, unha liña editorial moi marcada polo republicanismo, a galeguidade e a divulgación da nosa cultura.

“Pasou moito tempo, o mundo mudou e non pode ser a mesma cousa, pero o esprito galeguista mantense aínda hoxe en 2020”, afirma a xornalista. Sempre en Galiza naceu no ano 1950, poucos meses despois da morte de Castelao, e o seu nome é unha homenaxe ao político galeguista:“Quería ser unha voz antifranquista, unha voz critica dunha emigración que hoxe en día non pode ser a mesma”.

“Aqueles oito homes que levaron a iniciativa non poderían crer que siga aí 70 anos despois”. Hoxe o programa está feito por fillos, netos e bisnetos daqueles galegos. O exilio galego tivo moitas voces mediáticas pero esta de Uruguai é das máis relevantes. Falou Mónica Rebolo, no proceso de investigación para o libro, con oíntes fieis dese programa que “é para algúns como a misa, os domingos ás 9 da mañá”. Hoxe seguen acudindo, altruísticamente, aos estudios de Radio Oriental a facer o programa, sacando un oco do seu tempo. “Mentres algo os mova, o Sempre en Galiza continuará”.

 

(Imaxe da gravación do programa Sempre en Galiza en Radio Carve de Montevideo)

Cultura

Publica o teu comentario agora