Bouba Pandereteiras e Quempallou tocarán nos xardíns da Deputación nunha nova xornada de Cultura Aberta

Bouba Pandereteiras e Quempallou tocarán nos xardíns da Deputación nunha nova xornada de Cultura Aberta

16 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os xardíns da Deputación en Lugo acollen, a partir das 21 horas, unha nova xornada do programa Cultura Aberta, organizado pola área de Cultura do organismo provincial, dirixida por Antón Bao. A data de hoxe pode estar ben sinalada polos amantes do folk autóctono, xa que poderán desfrutar dos concertos de Bouba Pandereteiras e Quempallou.

O primeiro é un grupo de música tradicional nado en 2007 a partir da Asociación Cultural Brisas do Quenllo, de Tordoia (en A Coruña), e está formado por sete mozas que recollen e dan a coñecer a música tradicional desta zona de Galicia. De seguido, unha vez rematada a actuación de Bouba, será a quenda para Quempallou, que é un grupo ben coñecido na música tradicional galega e que busca, como obxectivo principal, a festa e o baile, pero sen esquecer a frescura orixinal da música tradicional do noso país.

 

 

Inauguración da mostra “Incisións”

 

Do 17 de xullo ao 17 de agosto, poderá contemplarse, no Forte de San Damián de Ribadeo, a mostra Incisións. O acto de inauguración terá lugar mañá, ás 12,00 horas, e nel estarán presentes o delegado da área de cultura e deporte da Deputación de Lugo, D. Antonio Veiga Outeiro, e a concelleira de cultura do concello de Ribadeo, Dª Mariluz Álvarez Lastra.

 

Esta exposición, organizada polo Museo Provincial de Lugo e comisariada por Ignacio López, reúne 26 gravados realizados con distintas técnicas por outros tantos artistas plásticos lucenses con motivo do 75 aniversario do Museo. Con este proxecto preténdese crear un imperecedoiro obxecto artístico conmemorativo da efeméride, ademais de poñer ao dispor do público un testemuño histórico- cultural de actualidade e de incalculable valor e riqueza.

 

Todos os que estean interesados poderán visitar a mostra de 11,30  a 13,30 horas polas mañás e de 18,00 a 21,00 horas polas tardes.

Cultura