Burela organiza ata o 8 de abril a Semana da Saúde

Burela organiza ata o 8 de abril a Semana da Saúde

05 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

Burela celebra a Semana da Saúde con dúas mesas informativas, cun obradoiro de Ioga da risa, unha mixed class e mesas informativas sobre diferentes doenzas.

O Concello celebra a semana da saúde con dúas mesas informativas, cun obradoiro de ioga da risa e cunha mixed class. Os actos que organizou a Delegación de Sanidade foron presentados esta mañá. Neles colaboran os IES Perdouro e Monte Castelo e o Hospital da Costa.
A edil Sonia Fraga sinalou que “en anos anteriores sempre centrábamos os actos no día mundial da saúde e neste 2011 quixemos avanzar un pouco máis e ampliamos o abanico de actividades que se desenvolverán ao longo de toda esta semana”.
Mañá dan comezo xa eses actos da semana da saúde que organizou o Concello. De 17 a 18 horas terá lugar na praza de abastos un obradoiro de ioga da risa, que será impartido por Patricia Fernández. A participación é aberta a todo o público “e trátase de tentar liberar un pouco o estrés que temos acumulado cun obradoiro relaxante e que ao mesmo tempo motiva a risa”.
A concelleira de Sanidade manifestou que “o xoves é o día mundial da saúde e centramos as actividades nese día. Pola mañá haberá unha mesa informativa de 10 a 14 horas na Casa da Cultura na que participarán representantes de todas as asociacións que traballan no ámbito da saúde en Burela: Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, Asociación Camiña, Fundación Eu Son, Asociación de Diabéticos, Cogami e Asociación Esperanza de afectados polo cancro. Queremos que dean a coñecer as súas actividades.  Na mesa informativa colaboran os dous institutos de Burela e serán moitos os alumnos que acudan a esta cita. Todos participarán nun almorzo saudable a base de bocadillos, froitas, zumos e auga”. E xa pola tarde, tamén o xoves, terá lugar unha nova edición da mixed class que impartirá un ano máis Belinda Canoura, “esta cita está aberta desde os máis cativos aos máis maiores, vai ser unha actividade moi dinámica e participativa, e tamén poderán disfrutar os participantes dunha merenda”. A mixed class será de 17 a 19 horas na praza do Concello, si o tempo o permite senón trasladaríase á praza de abastos.
Os actos da semana da saúde rematarán o 8 de abril con outra mesa informativa que moderará o doutor Pedro Gordo do hospital da Costa e na que participarán os neurólogos dese centro Luis López e Agustín Martínez, que falarán de demencias, alzheimer e parkinson. Esta mesa será de 10 a 14 horas na Casa da Cultura e inclúe a participación de Noelia Legaspi, psicopedagoga e educadora familiar do Concello de Burela que dará a coñecer varias estratexias para levar adiante unha vida emocionalmente sana.
Sonia Fraga anima “a toda a xente de Burela e dos arredores a que se acheguen a participar na semana da saúde, queremos que se conciencien xa que son actividades de prevención e a nosa intención é seguir traballando nesta liña”.

Sociedade