Buscando o éxito escolar

Buscando o éxito escolar

08 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Uns 100 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria e de 1º e 2º da ESO participarán nas actividades gratuítas para o fomento do éxito escolar, organizadas polo Concello de Ordes (A Coruña). Tres actividades que terán lugar todos os martes, entre as 16:30 e as 18:30 horas, no IES Maruxa Mallo de Ordes e no que particparán rapaces tanto do Maruxa Mallo como dos outros tres CEIPs (Campomaior, ADR Castelao e Mesón do Vento)

Este ano organizaranse un total de tres actividades: apoio escolar, clube de lectura e obradoiro de teatro, que serán subvencionadas pola Consellería de Eduación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. A concelleira de Educación, Silvia Marín, explica que as clases de apoio escolar “están dirixidas ao alumnado con dificultades de aprendizaxe debidas, fundamentalmente, á ausencia de hábitos de traballo ou a unha escasa motivación”. 

As outras dúas actividades son máis lúdicas. Así, co clube de lectura búscase que o alumnado acade unha maior competencia lingüística que lles permita mellorar nos procesos de comprensión e expresión, tanto oral coma escrita. Pola súa banda, co obradoiro de teatro preténdese “desenvolver unha serie de destrezas lingüísticas nos rapaces e promover a interacción e o traballo en grupo”, explica Silvia Marín, “estimulando a capacidade expresiva dos nenos para que sexan quen de expresar ideas, sentimentos e pensamentos empregando os máis variados recursos”. 

Estas tres actividades gratuitas forman parte do programa de apertura de centros educativos públicos fóra do horario lectivo e están subvencionadas pola Consellaría de Eduación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Sociedade