Cúmprense 59 anos da morte de Castelao

Cúmprense 59 anos da morte de Castelao

06 de Xaneiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Mañá 7 de xaneiro hai 59 anos que morreu no exilio en Argentina, o dirixente do Partido Galeguista Alfonso Daniel Rodriguez Castelao. O vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG Anxo Quintana acudirá a Rianxo onde participará nun acto público na Casa da Cultura ás 10,45, para logo depositar unha ofrenda floral no busto ao político galeguista situado no peirao da localidade.

Reproducimos de seguido un fragmento da carta remitida por Rodolfo Prada a Otero Pedrayo, despois da morte de Castelao.

Nos longos meses da súa enfermedade eu tiven o privilexio de escoitar os latexos máis fideles do seu corazón, espresado en verbas... xuicios sobre dos homes e acontecimentos, xeito de ollar o pasado e o presente, visión do futuro... ¡Canta grandeza de alma! ¡Qué reititude de conduta! ¡Qué fe no mañán! ¡E canta ilusión, amor e ternura postas na Terra! Ás vegadas, no seu falar lene, parecía escoitárense mandas do alén: voces solenes de tódolos nosos que se foron no onte perto e no lonxano; e noutras vegadas, a súa voz era facho que alumaba os roteiros da patria no mañán neboento...

"Morreu de amor á terra" explicaba o poeta e amigo Ramón Cabanillas cando lle chegou a triste nova. O escritor de Cambados escribiu o seguinte poema:

Irmán Daniel!
Na praia de Rianxo
caían como bágoas as estrelas,
espallaban teus aies derradeiros
bruantes ventos das andinas serras,
e ondas galgantes, en cramor, chegadas
da pratense ribeira,
contaban no areiro que te foras
de seriedade pol- a plan vereda…
o camiño que nunca se desanda,
o vieiro sin fin…
Na noite pecha,
entrei pinal adiante, medoñento,
a alma dun feitizo prisioneira.
Fungaban os ramallos un responso,
en velorio de honra ó teu relembro.
Ergueitas cara ó ceo as ponlas, era
cada pino un cruceiro,
labra xenial da túa man maiestra,
e aquel forte e lanzal que tempos idos
escoitóu a tua prácida conversa
có sabidor e xurdio,
profundador de voces milagreiras,
inquiréu delorido, en desespero:
¿De qué morte morréu a nosa prenda?
Atravesoume o peito
un dór punxente e esguío de saieta
e díxelle a verdade crú, tinguindo
c’unha pinga de sangue cada verba:
¡Morréu do mal dos bós e xenerosos!
¡Morréu de amor a Terra!

Cultura