Cústanos ver que somos unha especie mais

Cústanos ver que somos unha especie mais
14 de Xaneiro, 2021 - 11:49 h. | Publicada por Radio Fene

O gran problema deste planeta é que os países son reféns da súa economía e mentres non mudemos o sistema actual non solucionaremos o cambio climático, afirma Margarita Rodríguez. .

ESCOITA O PODCAST:

O día 7 de xaneiro nunha localidade do Pirineo aragonés o termómetro marcou 35,6º baixo cero, a temperatura mais baixa rexistrada na historia da península ibérica. Un episodio mais dos fenómenos extraordinarios que está a sufrir o planeta nos últimos anos, segundo Margarita Rodríguez de 4ECO Narón. Cada vez son mais frecuentes e destrutivos os ciclóns, tifóns, incendios e inundación aos que asistimos ultimamente. “Se non reducimos drasticamente a emisión de gases efecto invernadoiro, a temperatura seguirá subindo ata que non podamos vivir neste planeta” afirma a ecoloxista.

Acordos como o de París son necesarios pero son moi brandos e dados ao incumprimento. As palabras que rezan neste acordo son do tipo: "poderán", "farán o posible", "recoméndase" etc… e xa non digamos os descolgues como o de EEUU ou a non participación de países tan contaminantes como China ou India. O gran problema é que os países son reféns da súa economía. Afirma Rodríguez que “mentres non se mude realmente o sistema económico e se tome en serio a transición a unha economía sostible, que deixe o petróleo e o gas de lado, non hai nada que facer”.

A pandemia da Covid19 veu aprazar a emerxencia climática. Antes da crise sanitaria había un certo movemento social pero todo quedou paralizado. Cando pase isto, a recuperación económica volverá centrar a política dos países e o planeta quedará aprazado de novo. “E iso que o confinamento deixounos comprobar como en dous meses melloraba a atmosfera e os mares…” afirma Margarita Rodríguez quen si ve relación entre a contaminación e a pandemia. Pon o exemplo do mosquito tigre, transmisor do dengue, que chegou a estas latitudes grazas ao aumento da temperatura. “E hai mais virus por aí esperando a súa oportunidade” .

Déixanos Rodríguez unha interesante recomendación literaria para afondar neste tema, “ Refugiados climáticos, un gran reto del siglo XXI” de Miguel Pajares.

Sociedade

Publica o teu comentario agora