Cabanas pide a retirada do espigón do areal

Cabanas pide a retirada do espigón do areal

09 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Cabanas solicitou a Demarcación de Costas que se retire o espigón próximo á praia da Madalena. O obxectivo é que o río Eume recupere as súas correntes naturais e o mantemento da area da praia nos meses de verán, que a día de hoxe está a ocasionar molestias ós bañistas.

O concello de Cabanas iniciou os trámites necesarios con Costas para dar solución a este problema. O concello sinala que se trata dun proxecto custoso, pero necesario, xa que a día de hoxe moita da area da praia da Madalena está a desaparecer, o que implica consecuencias sobre o turismo a curto prazo. Pero este non é só un problema de Cabanas.

Pola súa banda, o Concello de Pontedeume non se mostra alleo ás consecuencias que provoca este dique, xa que o porto deportivo da vila tamén se ve afectado polos sedimentos que trae o río e que quedan na desembocadura grazas ó dique que agora se pretende retirar. Pola súa banda, os mariscadores da zona xa mostraron a súa preocupación ante a retirada deste espigón, pois descoñecen en que medida podería afectar isto á produción dos bancos marisqueiros da zona, polo que piden que o proxecto se estude en profundidade e tendo en conta todos os sectores implicados.

Sociedade