Cabanas a vista de paxaro

O Roteiro polas Terras Altas de Cabanas sobe a 500 metros de altitude
09 de Novembro, 2020 - 11:01 h. | Publicada por Radio Fene

Terras Altas de Cabanas. Chámase así o roteiro virtual que hoxe realizamos guiados pola técnica de turismo deste concello, Eva González. Roteiro circular de 21 km e cinco horas de camiñata.

ESCOITA O PODCAST:

O punto máis alto de Cabanas está a máis de 500 metros de altitude que vale a pena subir para contemplar as mellores vistas deste concello. Un roteiro circular ideado polo Club Montaña Ferrol lévanos a través de 21 km de dificultade media, por natureza e historia a partes iguais. Aínda non está sinalizado pero na páxina cabanas.gal descríbese exactamente para que coa axuda do GPS poidamos realizalo.

O roteiro pasa polas parroquias de Regoela, Soaserra e Salto. Toca tamén as de Irís e Laraxe. No camiño tropezamos con tres igrexas; Santa Olaia de Soaserra, Santa Cruz do Salto e San Vicente de Regoela, do XVII na que Eva González destaca o seu cemiterio onde as sepulturas están decoradas con cunchas de vieira. O roteiro discorre por tres das 29 mámoas, que se encontran en Cal da Serra, Painceiras e Punxeiro. E tres castros, o do Pico Sacro, do Salto e de Piñeiros. Abonda a arquitectura popular con muíños e fontes e desperta a nosa curiosidade os refuxios que utilizaban os fuxidos do franquismo en Soaserra e Regoela, parroquias nas que se desatou unha forte represión. Eva González relátanos un aspecto que puido desatar tal crueldade por parte dos golpistas, a rebelión duns veciños en 1929 contra o cura que se negaron a pagar a oblata. Chegaron a apostatar e crear unha capela evanxélica nunha palleira que funcionaba en 1936.

En fin, 21 km por un desnivel de 474 metros e unhas cinco horas de viaxe a pé polas Terras Altas de Cabanas. Aí queda a proposta.

 

(Na imaxe, cedida pola oficina de turismo de Cabanas, impresionante vista do mosteiro de Caaveiro)

Cultura

Publica o teu comentario agora