Cada día é do ladrón

Novela de Teju Cole sobre o que é a vida en Lagos
23 de Setembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

A obra de Teju Cole fala de corrupción na megalópole que é Lagos en Nixeria pero desde o punto de vista dun emigrante que non o é. A extrañeza que produce o seu propio país a quen retorna.

ESCOITA O PODCAST:

“Cada día es del ladrón” novela de Teju Cole, autor interesantísimo no parecer do profesor Noel Blanco, con quen analizamos semanalmente unha obra literaria. Entre os argumentos que alega para ese cualificativo, Blanco cita a orixe do autor, de pais nixerianos, nacido nos EEUU, criado en Lagos, estudante de medicina en Norteamérica e retornado de novo ao país africano. “O desprazamento e a migración subxacen nunha novela que no fondo fala diso pero dun xeito orixinal" precisa Blanco: "Non se trata do retorno dun emigrante, o seu periplo non está exento de obstáculos e dunha mirada extraña de alguén cun peculiar sentido de pertenza ao seu propio país”.

A viaxe a Nixeria significa para o protagonista o primeiro encontro coa burocracia e a corrupción. Para Noel Blanco é unha novela que convida á reflexión pero cun estilo curioso, contada como en viñetas coas experiencias que o protagonista ten en Lagos e as personaxes coas que se encontra, un tele predicador cínico e enriquecido ou un modesto libreiro que representa a resistencia cultural.

“Cada dia es del ladrón” ven ser unha fábula sobre a corrupción moral e política. "O petróleo crea unha elite corrupta pero Teju Cole ten unha prosa moi fina e non machaca ao lector cunha visión demasiado evidente” aclara Blanco.

 

(Na imaxe, con Henrique Sanfiz, Noel Blanco, natural de Franza- Mugardos, é profesor na Universidade de Chicago).

Cultura

Publica o teu comentario agora