Cada vez perdemos máis

Cada vez perdemos máis
26 de Agosto, 2019 - 11:50 h. | Publicada por Radio Fene

Entra e elixe a túa casa de apostas ideal. Tes máis de vinte para elixir cada unha con ofertas irresistibeis. Reza así a publicidade dun portal en internet. Os galegos e galegas cada vez xogan máis e cada vez perden máis cartos nos xogos de azar e nas apostas.

Dende hai anos vén advertíndose contra o aumento de problemas xerados por estas prácticas, situacións de ludopatía e con graves consecuencias económicas para moitas persoas.  O gasto global en xogo en Galicia pode rozar os 2.300 millóns de euros anuais. Á lotería e ás máquinas comecartos, agora súmanse as novas apostas e o diñeiro gastado a través de Internet.

A ludopatía non é un vicio, non é un pecado, non é propio de persoas débiles, negativas, sen persoalidade. Tampouco é de persoas con moito tempo libre. A ludopatia ou xogo patolóxico é un problema psicolóxico cando a persoa ve afectada a súa capacidade para poder autocontrolarse. É incapaz de aprazar o impulso ou desexo por xogar. Tamén é posible que negue inicialmente o problema.

Tense posto o foco na expansión das tendas e salóns de apostas, omnipresentes nos barrios de todas as cidades galegas. Pero a realidade é que aumentan os cartos depositados en practicamente todas as modalidades de xogo. Ademais dos salóns de apostas tamén as novas máquinas de apostas veñen sumarse á oferta de xogo que xa protagonizaban a oferta nos locais de hostelaria. Hai 3.600 en Galicia.

Sociedade

Publica o teu comentario agora