A cadeira erguida

Defenden as fundadoras de Towanda que o porno é o libro de instrucións diante da falla de educación sexual.
21 de Marzo, 2019 - 11:04 h. | Publicada por Radio Fene

"O porno é o libro de instrucións ante a falta de educación sexual". É unha das conclusións ás que chegan as cofundadoras de Towanda Rebels, Teresa Lozano e Zúa Méndez que onte interviron na II Xornada sobre violencia sexual na mocidade, organizada pola Xunta de Galicia no Campus Universitario de Ferrol.

ESCOITA O PODCAST:

O salón Concepción Arenal no Campus de Esteiro acolleu onte a II Xornada de prevención e sensibilización contra a violencia sexual na mocidade, impulsada pola Xunta de Galicia e as unidades de Igualdade das tres universidades de Galicia. As conferencias sucederonse ao longo da mañá. O final reservouse ás xoves fundadoras de Towanda Rebels, Teresa Lozano e Zúa Méndez, que falaron sobre “Porno e violencia sexual”. Dúas mozas que despertaron ao feminismo nas redes sociais e que, segundo confesaron en Ferrol, antes vivían na crenza de que xa chegara a igualdade. Hoxe saben moito sobre violencia e pornografía.

"A rapazada accede ao porno sen control e sen ningún tipo de educación sexoafectiva", afirman. O desexo constrúese a través da túa experiencia, da túa vida social e tamén de cómo ti educas ese desexo. Pero, se iso o fas a través das imaxes do porno, o que están construindo é un sexo basado na erotización da violencia contra a muller, en posuir, denigrar, humillar, etcétera. A pornografía non é sexo. O sexo non ten que ver só coa penetración e, desde logo, non ten nada que ver coa denigración e a humillación das persoas, manifestaron Teresa e Zúa.

A través de varios audiovisuais, explicáronnos a linguaxe, a cousificación e a cultura da violación ou o poder da industria sexual, a través do porno, a prostitución e a trata. “A pornografía véndese como a liberdade” e puxeron exemplos de actos que se presentan realmente nas prazas de Madrid ou Barcelona, onde unha muller amordazada é humillada publicamente por un home baixo a atenta mirada dun público que so tira fotos. As testemuñas dunha actriz porno ou dunhas mozas que contan a Jordi Évole como son as súas experiencias sexuais, coartadas pola violencia, completaron a súa intervención. O último é, segundo as dúas comunicadoras, o invento de que “o porno é feminista”. Como exemplo puxeron o spot publicitario do Salón Erótico de Barcelona.

Sociedade

Publica o teu comentario agora