Café só

Café só
18 de Xuño, 2020 - 12:48 h. | Publicada por Radio Fene

Tomamos café esta mañá no club de lectura de Radio Fene Radiofusión con Anabel Alonso López, pontesa do 68, licenciada en Filoloxía Hispánica pola USC e bibliotecaria do concello de As Pontes. Publica “Café só” na editorial Morgante.

ESCOITA O PODCAST:

"Café só" é un libro de relatos no que a muller é protagonista. Moitas mulleres que son unha. Teñen en común que están soas e tamén ese regustiño tráxico pero cotiá que rodea as súas historias. Segundo a autora, “todas teñen esperanza. Son valentes e fortes”. De primeiras eran relatos independentes que non naceran con vontade de ser un libro. Pero a verdade é que teñen puntos en común e “o microrrelato elixido para abrir Café só, dá o ton necesario para que acabe sendo circular” explica Anabel Alonso, para quen escribir relatos é unha “arroutada” e unha necesidade. Os incluídos neste libro naceron dun obradoiro de escrita na biblioteca onde traballa a autora que non concibe a vida sen humor aínda que afirma “a literatura é outra cousa”.

Vaia por diante esta frase recollida da realidade pola autora, no relato titulado A Catedral: “Señor, devólvolle este ollo que lle caeu no sostén, coido que é seu”.

Conversaron coa autora no club de lectura; Esther Val, Andrés CM Riveira e Henrique Sanfiz.

Cultura

Publica o teu comentario agora