Caixa Galicia Nova ou Caixanova Galicia

Caixa Galicia Nova ou Caixanova Galicia

03 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

Caixanova Galicia ou Caixa Galicia Nova. Xa podemos ir pensando nun nome para referirnos á entidade resultante da fusión das dúas grandes caixas galegas, porque a unión resulta case un feito logo das revelacións efectuadas pola conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, nunha entrevista concedida ao xornal El País e na que se manifestaba sobre un inmediato escenario cunha única caixa no país. A oposición critica o silencia do

Non semella que a situación vaia variar moito pese á visita do presidente de Caixanova ao presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo. O titular da entidade bancaria entregou un dossier de 1000 folios en contra da citada fusión. A cúpula de Caixanova pensa que é mellor opción que cada entidade busque por separado alianzas fora de Galicia.

"Manter a galeguidade das caixas” é o mantra que todas as forzas parlamentarias repiten cando se refiren a unha posible fusión de Caixa Galicia e Caixanova. PPdeG, PsdeG e BNG coinciden na necesidade de que o centro de decisión das entidades financeiras fique na nosa Comunidade sexa cal sexa o escenario definitivo no mapa bancario. O partido no Goberno é cada vez máis proclive a asumir de maneira implícita a xuntanza das caixas, pero teima que o Banco de España debe falar antes de que a Xunta manifeste a súa preferencia.

O argumento dos populares non convence ao líder dos socialistas galegos, Manuel Vázquez, porque considera ao Banco de España un instrumento de consulta, pero que non fai propostas. O PsdeG coida que Alberto Núñez Feijóo agocha unha decisión que xa está tomada, e xa que el cala, pídelle aos consellos de administración das caixas que tomen a palabra. Vázquez sospeita que o farán esta mesma semana.

O BNG decidiu someter ao acordo da Cámara galega a necesidade de lograr un “acordo de mínimos” entre os partidos para protexer as competencias da Xunta sobre as entidades no futuro, afastando así unha posible absorción das caixas fusionadas por parte dunha firma foránea máis poderosa.

Sociedade