Camiñando pola cultura mes a mes

Camiñando pola cultura mes a mes

05 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un total de 500 calendarios do ano 2011, cunha selección dalgunhas das obras que se expuxeron no Centro Torrente Ballester nos anos 2009 e 2010, repartiranse entre os seus visitantes. O concello de Ferrol vén de editar este almanaque especial no que se amosan algunhas das pezas artísticas máis destacadas que se puideron ver no Torrente Ballester nos dous últimos anos.

O 2011 ábrese, no mes de xaneiro, co óleo/lenzo “Perro gardando as pertenzas dunha parella”, do artista Eduardo de la Vega, pertencente aos fondos do Centro Torrente Ballester. O mes de febreiro presenta unha imaxe de “Carmencita”, de Victoria Diehl, que se puido contemplar entre outubro e decembro de 2009. Unha das obras da exposición “20 anos de escultura” de Manuel Patinha, corresponde ao mes de marzo. Abril ten como protagonista á exposición “A ousadía do Bufón. Pequenas historias de arte e política”, unha das mostras coas que a Concellería de Cultura abría a programación cultural do CTB no ano 2010. Unha das pezas creadas por Agar Fernández Bautista para a exposición “Oriental Referentes” foi elixida para ilustrar o mes de maio. 

Por outra banda, un debuxo de Suso Basterrechea da mostra “...Seguro?”  é o que acompaña ao mes de xuño, mentres que “Ocaso”, de Marina Núñez, protagoniza o mes de xullo. Para agosto seleccionouse unha das obras artísticas que formou parte da exposición “USA Today. Unha aproximación á arte norteamericana do século XXI” e Santi Jiménez foi o artista elixido para ilustrar o mes de setembro coa obra que foi merecedora do 21 Premio Internacional de Gravado Máximo Ramos 2010. O último trimestre de 2011 péchase con tres obras das tres exposicións que desde o pasado 30 de outubro e ata este domingo se poden visitar no CTB. A de Juan Loeck, representa o mes de outubro), a proposta artística que Susanne Jirkuff fai no marco da mostra “Sonrisas &Lágrimas” corresponde ao de novembro e péchase o ano en decembro cunha das obras de Lucía García Rey en “Unha camiseta, un museo”.

Cultura