Camiñar e descubrir

O bo hábito de camiñar.
10 de Xaneiro, 2019 - 10:10 h. | Publicada por Radio Fene

Mugardos camiña, Ponte en ruta ou Saídas Turísticas. Cambian os nomes segundo os concellos pero as iniciativas camiñantes teñen os mesmos obxectivos: facer deporte en grupo e coñecer o patrimonio natural ou cultural de Bezoucos e Trasancos.

Praia da Madalena. Cabanas

Co propósito de Aninovo de facer deporte, as concellerías de Turismo poñen en marcha as andainas coas que poñerse en forma ao tempo que coñecer o patrimonio natural.

“Mugardos camiña” inaugura as rutas de sendeirismo no novo ano e faino o domingo cunha marcha entre Cabanas e Redes pola costa, pasando polos areais de Almieiras e Rio Sandeu de Fene. En total 13 quilómetros levadeiros.

Narón tamén inicia o programa “Ponte en ruta con nos” o domingo 27 cunha andaina entre o Castelo da Palma e o Mosteiro de Santa Catalina. Cabanas retoma tamén o seu calendario de rutas para coñecer este municipio e o seu patrimonio natural. Os terceiros sabados de cada mes trazarase unha ruta nova. A primeira do ano será unha excepción porque se traslada ao domingo 20 . Farase unha ruta pola Veiga, coñecendo os muiños da zona. Hai que apuntarse no concello e a participación é gratuíta.

O Concello de Neda abría esta semana o prazo para participar no programa de Saídas turísticas que, entre o día 13 de xaneiro e o 24 de febreiro, levarán a cabo coa intención de dar a coñecer os recursos naturais do municipio entre a súa propia veciñanza e da comarca. As persoas interesadas xa poden facer os seus reservas na Casa da Cultura, no Consistorio ou a través do número de teléfono 981 390 233. A participación é gratuíta e todas as saídas darán comezo ás 10.00 horas. As distancias varían en función do territorio a cubrir. A media está nuns 8 quilómetros. A primeira cita, prevista para o domingo 13 de xaneiro, levará aos participantes a visitar a zona de Ancos. Tanto a saída como o meta terán como referencia o albergue de peregrinos. O último domingo deste mes, 27, a saída discorrerá pola zona do Roxal e o miradoiro de Viladonelle. As actividades previstas para febreiro, os días 10 a 24, terán como obxectivo coñecer mellor as parroquias de Anca e Santa María así como as zonas de Louseira e Rabadeña.

O Concello de Neda anima á veciñanza a tomar parte dunha iniciativa que, ademais de profundar no coñecemento do territorio, tamén servirá de preparación para percorrer a pé unha nova ruta de peregrinación á cidade do apóstolo. Este ano a idea é facer o camiño de Fisterra- Santiago de Compostela. Na primaveira do 2018, unha media de 100 persoas fixeron o Camiño Inglés.

Deportes

Publica o teu comentario agora