A candidatura do BNG de Fene preséntase en sociedade cun acto festivo

A candidatura do BNG de Fene preséntase en sociedade cun acto festivo

28 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O BNG de Fene presenta á sociedade unha candidatura renovada, encabezada por Juventino Trigo e composta por 11 homes e 11 mulleres entre os que a media de idade non supera os 40 anos. Unha candidatura formada por persoas diversas e dispostas a pór a disposición da veciñanza de Fene a súa profesionalidade e capacidade de traballo. O acto de presentación celebráse mañá venres na Casa da Cultura de Fene.

No acto, intervirán o candidato de máis idade (Francisco Permuy, de 60 anos e veciño de Magalofes), o máis novo (Néstor Fernández, de 20 anos e veciño de Perlío) e máis os cinco primeiros/as (Xusto Martínez Ardá -Fene-, Inés Roca -Maniños-, Manuel Polo -Perlío-, Rita Couto -Maniños- e Juventino Trigo -Perlío-). A presentación en sociedade dos nacionalistas feneses estará arrufada por unha repichoca de músicos feneses.  

Desde o BNG de Fene, afirman que “a súa candidatura compóñena homes e mulleres preparados e preparadas para gobernar e con novas enerxías para afrontar un goberno con moitas cousas por facer despois de catro anos de parálise”. 

“Encabezadas por Juventino Trigo, home independente e profesional da xestión, na candidatura aparecen caras novas e tamén outras xa coñecidas entre a sociedade polo seu bo facer como concelleiros/as de goberno e tamén de oposición. En definitiva, o equipo que devolverá a Fene o lugar que lle corresponde na comarca como Concello dinámico, que escoita aos veciños e veciñas e que destaca pola súa actividade cultural, deportiva, de igualdade e de xeración de emprego”, explican. 

A festa continuará cunha cea no restaurante Tortoni de Fene onde teñen confirmada a asistencia un cento de simpatizantes e militantes nacionalistas.

Institucional