"Cando falo comigo mesmo, falo en galego"

"Cando falo comigo mesmo, falo en galego"
24 de Xuño, 2021 - 12:18 h. | Publicada por Radio Lugo

"Cando falo comigo mesmo falo en galego" confesaba Álvaro Cunqueiro, nun xantar de homenaxe que os amigos lle ofreceron en Vigo, despois de ter recibido o premio Nadal de novela. No acto tamén interveu Otero Pedrayo e o escritor de Mondoñedo indicaba que "hai xente de sobra que escriba en castelán, pero eu teño unha obriga moral para utilizar a lingua galega". Mario Regueira, Inma Otero e Anxela Gracían debaterán sobre as narrativas de Cunqueiro no marco do Encontro organizado pola Universidade de Santiago en Mondoñedo. O camiño de quita e pon titulase o curso de verán que se prolongará nas xornadas deste venres e o sábado. 

ESCOITA O PODCAST:
Casa Museo Álvaro Cunqueiro

“A miudo preguntáronme en Madrid estes dias,se a partir de agora seguiría escribindo en galego ou o faría só en castelán, ao que eu contestei e me contesto, que sobra xente que escriba en castelán, mentres que, sobre os meus ombros, pesa, en certo xeito, a defensa da nosa lingua” afirmou o escritor cando viña de recibir o premio Nadal 1968. No mesmo acto de homenaxe, interveu Otero Pedrayo quen afirmou que Cunqueiro “nunha época completamente mecanizada e aplastada pola técnica nos devolveu, a través da súa obra, o paraíso perdido. Naceu en Mondoñedo ao pé dunha fonte que canta. É coma un arcebispo cuia diócese está peregrinante no camiño. Home grande, xeneroso e popular, móvese no perigoso mundo da sátira, sen ser satírico. Él é un poeta sinxelo, cuio dia comparte cos homes reservándose a noite para o seu Merlín. (…) A súa obra lévanos a esa gloria que todos anceiamos” concluiu o patriarca das Letras Galegas. (1)

 

O Imperio Secreto
Nas revistas Destino e Sábado Gráfico e nos xornais La Noche e Faro de Vigo, Alvaro Cunqueiro publicou unha serie de case trinta artigos nos que fala do Imperio Secreto. O xornalista Miguel González Somovilla explica que o escritor debuxa un mundo imaxinario no que el recrea toda unha serie de situacións. Un libro editado pola Casa Museo Alvaro Cunqueiro a finais do 2020 recompila vinte artigos sobre o Imperio Secreto. Aproveitando a ficción, o escritor fala do racismo ou dos despidos aplicados pola Renault en París en 1960, no que se seleccionaron os traballadores despedidos utilizando ordenadores. Asuntos de actualidade que foxen da inmediatez. Aparecen temas como as crises da sociedade industrial, a corrección política, a censura ou as eleccións. 

Dúas culturas
Cunqueiro está dacabalo entre dúas culturas con diferentes interlocutores. É un escritor que está en dous sistemas literarios diferentes, segundo apunta a profesora universitaria Rexina Vega, quen clausurará o sábado os Encontros sobre o escritor en Mondoñedo. Organiza a Casa Museo Alvaro Cunqueiro coa colaboración da Universidade de Santiago.
 

 

(1)Faro de Vigo. 22 de xaneiro de 1969

 

Cultura

Publica o teu comentario agora