Cando Moncho Borrajo pintaba meninas en Canido

Cando Moncho Borrajo pintaba meninas en Canido

31 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Moncho Borrajo pintará unha menina en Canido. Descubriremos esa faceta do humorista galego en Ferrol este sabado no terceiro encontro das Meninas no barrio ferrolán. Este ano o marco no que se desenvolverán as actividades desprázase a un novo espacio, na confluencia das ruas Muiño do vento, Lili e Poeta Parallé, porque a oferta cultural do 2010 precisa moitos metros.

Poesía, fotografía, danza, musica e pintura mural. Son os ingredentes da terceira cita coas Meninas de Canido- Ferrol- este sabado dia 4 de setembro. As voces poéticas máis novas do país, como María Lado, Leo Arremecajona ou Yolanda Castaño, ou a música de Silvia Penide, Antón Varela, Os Xotas ou dos Fabulosos cubatas, encherán de son o barrio ferrolán na noite do sabado.

Unha sorpresa daránnos os bailaríns, Eva Faraldo e Xesús Quiroga, que preparan un espectáculo de danza adicado ao motivo da festa, ás meninas. Para sorpresa tamén a presencia de Moncho Borrajo que se descubre como pintor e que xa ten preparado o borrador da sua aportación á galería de meninas distribuiidas polas ruas de Canido, segundo nos desvela un dos organizadores, o pintor Eduardo Hermida.

Uns 40 pintores e pintoras acudirán este ano á cita coas meninas. O material que utilizarán para plasmar as suas obras nas paredes do barrio, apórtao o concello de Ferrol. Para sufragar os gastos ubicarase na zona 0 unha barra para servir bebidas. Pero os gastos son menores do que podería ser porque o barrio vólcase na orixinal iniciativa, colaborando no que pode, segundo o tamén pintor e organizador da cita, Avelino Castro. Os organizadores maduran a idea de darlle un xiro á festa, en anos posteriores. En orixe, a idea naceu para denunciar o deterioro deste barrio ferrolán. 

Sociedade