Cando os suevos se fixeron fortes

Cando os suevos se fixeron fortes
07 de Marzo, 2019 - 12:25 h. | Publicada por Radio Monforte

Martiño chega a Galicia sobre o ano 550 e propiciará a rápida reconversión do reino galego ao catolicismo (559).  A monarquia galega fortalécese, resaltando a figura do rei co apoio da Igrexa. Os concilios bracarenses celebrados nos anos 561 e 572 constitúen senllos fitos na organización do reino, o cal se divide en dioceses e parroquias, como reflicte o Parrochiale Suevum. A articulación do territorio, ata as máis apartadas poboacións rurais, completábase por medio da rede monástica, estendida desde extremos lugares da montaña interior ata as illas atlánticas. A tradición atribue en boa medida a súa fundación a Martiño.

Réplica do sarcófago de Martiño de Dumio, falecido a finais do século sexto

Diversos testemuños constatan unha notable actividade construtiva coa erección dos mosteiros de San Pedro de Rocas, Santa Comba de Bande, San Xoán de Panxón e o Salvador de Samos. Son edificios xeralmente reconstruidos posteriormente, en época románica. Da produción literaria temos un legado rico, elaborado ao redor do que podemos denominar escola de Dumio. 

O aliñamento suevo ao lado dos outros reinos católicos vai permitir, cara a mediados do século VI, non só liberarse da dependencia visigoda, senón mesmo consolidar un espazo territorial posiblemente ampliado na Terra de Campos. Ao estancarse a hexemonia bizantina, o choque entre suevos e visigodos precipitase. Morre o rei Miro en 583 e a cuestión sucesoria acende un conflito interno entre Eurico, fillo de Miro, e o pretendente Audeca, que se fai co trono. A situación dálle aos visigodos a ocasión de intervir en 585. En palabras de Isidoro de Sevilla, “destruido o reino dos suevos, pasou a ser dos godos”..

LOPEZ CARREIRA, ANSELMO (2013) Historia de Galicia. Ed. Xerais. Vigo.

Seguro que che interesa
Cultura

Publica o teu comentario agora