Cando un teléfono era un luxo

A central telefónica situouse na casa de Pepe de Carolina.
25 de Decembro, 2019 - 11:00 h. | Publicada por Radio Fene

A central telefónica de Maniños- Fene- inaugurouse o 21 de setembro de 1958. Eran tempos nos que nas casas non había teléfono.

ESCOITA O PODCAST:

Na década dos anos cincuenta do século vinte a parroquia de Maniños (Fene) tiña de todo; médico (Don Guillermo); practicante (Manolo); farmacia de Cotobad; ultramarinos, taberna, baile e cine do emporio Cardoeiro; ferretería, mobles, téxtil e fabrica de xoguetes de Establecementos Otero. Tamén forno na Armada, a telleira e a telefónica. Non podo dicir con seguridade grazas a quen Maniños contou cunha telefónica, se ao cura, se a Otero, se ao alcalde, pero alguén tivo a lúcida idea de traer unha cabina e instalala nunha casa particular no lugar da Aldea, centro neurálxico da parroquia. (Imaxe actual da casa onde se instalou a telefónica)

O dia da inauguración está rexistrado na prensa da época. Foi o dia 21 de setembro de 1958. Tampouco sei dicir porqué se instalou na casa de José Pena- Pepe de Carolina- que á súa vez era o encargado na fábrica de xoguetes que a familia Otero tiña no lugar da Armada. A súa muller Lucha encargouse da telefónica e despois a súa filla Pili- os tres desaparecidos xa- Segundo as testemuñas coas que falamos, máis tarde empregaron a unha rapaza de Maniños, filla de Jesús Platas. Niso coinciden María Luísa Díaz e Amablita Cabana. A primeira lembra perfectamente o dia da inauguración porque foi todo un acontecemento e a retrataron diante da telefónica cun grupo de amigas cando tiñan sobre 16 anos. A segunda lembra como Lucha se dedicaba a coser as teas que conformaban os tacataca para a fábrica de xoguetes.

Eran tempos nos que non había teléfonos nas casas e era un milagre falar con alguén lonxano a través dunha conferencia. Eu mesma lémbrome pequeniña entrando coa miña nai na telefónica para falar co meu pai que estaba destinado en Guinea Ecuatorial. Unha ou dúas veces ao ano milagrosamente podiamos falar con el, non podo asegurar si co barco ou cunha central telefónica de aló, pero era posible facelo. O intercambio de cartas e fotos era habitual pero escoitar a súa voz é un recordo imborrable.

Pitusa Arias

Sociedade

Publica o teu comentario agora