As Cantareiras de San Paio dan a nota

As Cantareiras de San Paio dan a nota

09 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O vindeiro sábado estréase no CMI Unidade de Fene o grupo de cantareiras da Sociedade. Seis mulleres, a maioría compoñentes da Rondalla Estrelecer, forman esta nova agrupación que comezou a ensaiar hai un par de anos, baixo a dirección de Ánxeles Fernández.

Ademais da directora, completan o grupo de Cantareiras de San Paio, Matilde Castro, Isabel Moreira, María del Carmen Rama, Olga Bouza e Eugenia Fernández. Cinco mulleres con inquedanzas comúns e “ganas de aprender algo de música e do noso folclore”, segundo explicou a Radiofusión unha das compoñentes, Isabel Moreira.

Aínda que recoñecen que todavía falta tempo, e moitos ensaios, para sentirse seguras sobre un escenario, as Cantareiras de San Paio afrontan o vindeiro sábado a súa primeira actuación en público. “É unha maneira -asegurou Matilde Castro- de darlle viveza ao grupo que, en realidade, naceu como escola de cantareiras”.

 Xotas, muiñeiras, danzas,   pasodobres…O repertorio das cantareiras do CMI Unidade de Fene é moi variado, segundo a súa directora, Ánxeles Fernández. Na actualidade inclúe todo tipo de cancións tradicionais bailables e recopiladas por distintos puntos da xeografía galega.

 Na súa primeira actuación, as Cantareiras de San Paio interpretarán este sábado o Pasodobre de Imende, a Danza de San Salvador, unha panxoliña e os temas "Olvídame", “I é verdade, i é mentira” de Leilía, e unha peza de Tanxedoras.

A cita será no Círculo de Fene,  a partir das oito do serán, e servirá como preludio dunha velada de teatro que protagonizará na mesma entidade o grupo Eirado da Xunta Veciñal de Doniños. A formación, dirixida por María Vigo, representará "O Cantar dos Cantares".

 


Sociedade