Cantou á esperanza humana e aos soños

Cantou á esperanza humana e aos soños
27 de Xuño, 2021 - 09:00 h. | Publicada por Radiofusión

O ferrolán Xosé Fontenla Leal foi quen decidiu a Ramón Cabanillas a escribir en galego. Na prensa da Habana foron aparecendo algunhas composicións orixinais do novo poeta, que contaba con trinta e cinco anos de idade. Na Habana publica o seu primeiro libro, na primavera de 1913, e alí ensarta poemas de loita anticaciquil, segundo reflexa Ricardo Carvalho Calero na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea. Unha vez en Galicia, Cabanillas maniféstase como a máis alta voz lírica do movemento agrario. A obra poética, narrativa e teatral do autor de "No desterro" configuran o fío condutor do Museo que se ven de abrir na vila de Cambados.

Monumento a Ramón Cabanillas desde o Museo. Cambados

O deseño museográfico do eumés Pepe Barro reflexa tamén a vida do poeta que "dixo ao seu pobo fermosos cantos, unhas veces irados, outras entusiasmados, e tamén íntimas confesións de corazón a corazón, e sempre pasmando a todos coa beleza descuberta no acio, na roseira, no vento, no silencio, como un soño de pombas do seu Cambados".  "Foi un gran poeta. Cantou o pais seu na lingua propia, perpetuamente fresca, como herba de verán. Cantou os santos, os heroes, os amadores, os mariñeiros, os labregos, os mendiños, as rosas, o viño, os piñeiros, o mar e tamén a esperanza humana, e os soños" afirmou Álvaro Cunqueiro no seu discurso de entrada á Real Academia Galega, onde sucedeu a Ramón Cabanillas.
 

Cultura

Publica o teu comentario agora