Caride asegura que a AG-64 entre Ferrol e Vilalba estará rematada en outono

Caride asegura que a AG-64 entre Ferrol e Vilalba estará rematada en outono

25 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Outono de 2009 é o tempo manexado por Política Territorial para que os usuarios chairegos poidan viaxar desde Vilalba ata Ferrol por autovía, segundo se desprendeu das declaracións que a conselleira, María José Caride, fixo hoxe durante a súa visita ás obras que se están a levar na parroquia de Santaballa. O último treito da autovía AG-64 entre Cabreiros e a capital da Terra Chá marchan segundo as previsi&oacut

Neste percorrido haberá enlaces en Cabreiros (punto quilométrico 0,200) e Cabodealdea (punto quilométrico 7,280) e o treito disporá de 7 pasos superiores, 9 pasos inferiores e unha ponte sobre o río Trimaz. Ao igual que o resto da autovía xa en servizo, terá unha plataforma de 24 metros de ancho repartidos en catro carrís (2 por sentido) de 3,5 metros cada un, dúas beiravías interiores de 1,5 metros, 2 beiravías exteriores de 2,5 metros e unha mediana de 2 metros. Así mesmo, a autovía incorpora tamén os novos elementos de protección de motociclistas segundo a normativa vixente.

A responsable autonómica tamén indicou que este último trazado non está a atravesar polos problemas dos anteriores tramos, xa que a súa configuración xeolóxica, sen altos contidos en pirita, permitiron manter os niveis de ph dos ríos próximos e evitar así que a Consellería tivese que actuar, como pasou no Eume.

“A configuración xeolóxica deste tramo non ten nada que ver co tramo anterior entre As Pontes e Cabreiros. Nese tramo houbo problemas polo alto contido de piritas no territorio que fixo que se producise un cambio de ph dos ríos que están ao seu carón, especialmente do río Chamoselo”, estableceu Caride.

Para resolver ese problema, desde o goberno autonómico optouse por unha actuación conxunta do CPTOPT e Medio Ambiente, consistente en facer o selado de todos os aludes e das terras para que non se sigan producindo cambios no ph do Eume e dos seus afluentes.

Esta actuación tamén se levou a cabo nos cursos dos ríos próximos ás autovías A-6 e A-8 e no propio río Trimaz. “Tamén traballamos con Medio Ambiente para selar os taludes das autovías A-6 e A-8. Están todos os servizos activos para detectar calquera cuestión e levar a cabo unha actuación inmediata que resolva todos os problemas que se poidan producir. En canto ao Trimaz, incluímos a análise do seu ph, pero non temos detectada ningunha influencia do trazado que teña relación con algunha alteración nese río. O que ocorre é que, dependendo da cantidade de auga que exista, pode verse prexudicado polo tramo anterior e por algunha escorrentía do tramo entre As Pontes e Cabreiros”, admitiu a responsable autonómica.

A conselleira socialista indicou que este contratempo ambiental non estaba contemplado no proxecto inicial do anterior goberno da Xunta, polo que tiveron que actuar por propia iniciativa. “Eses problemas non se detectaron no proxecto orixinal, non houbo ningunha cautela medioambiental que permitira intuír os problemas que finalmente se detectaron. Agora no que estamos a traballar é na súa resolución”, dixo María José Caride.

O gasto total desas medidas ascende a 0,5 millóns de euros para as correccións da calidade das augas sobre os ríos Chamoselo e Lavadoiro, e 2,4 millóns para os traballos de selado do vertedoiro que está ao lado da glorieta dos Airíos. Así mesmo, os técnicos das Consellerías de Política Territorial e de Medio Ambiente están a elaborar unha proposta para acometer o selado de noiros como actuación complementaria ás de tratamento de augas e selado do vertedoiro.

Unha vez rematado este tramo da AG-64, no que o CPTOPT investiu preto de 40 millóns de euros, estarán operativos os 56 quilómetros de esta autovía, que terá un custe final duns 200 millóns.

Caride salientou a importancia de este trazado para Ferrolterra e a Terra Chá. “Esta obra é moi importante porque permitirá a comunicación de todo Ferrolterra, As Pontes e a Terra Chá coas principais vías de comunicación de Galicia e do resto de España. Permite o enlace directo coa A-8 e a A-6 e a saída natural cara o resto do mercado nacional e cara o resto das vías galegas. É unha nova porta de entrada e que permitira mellorar a competitividade e accesibilidade dun territorio no que se están implantando novos proxectos empresariais”, considerou Caride.

Resposta a Feijóo

Por outro lado, a conselleira respostou ao presidente do PPdeG sobre o traspaso de poderes e as accións do goberno en funcións defendendo a legalidade das súas actuacións e recordando as inauguracións de obras e asinamentos de convenios que fixo mentres era conselleiro en funcións de Política Territorial no último goberno de Fraga. “Mentres era conselleiro en funcións da Xunta de Galicia inauguráronse infinidade de obras e asinou innumerables contratos de obras de adxudicacións por valor de mais de 100 millóns de euros, mentres que as súas declaracións en aquel momento eran a dunhas actuacións perfectamente legais e lóxicas. Por isto eu lle digo que, coa mesma legalidade e lóxica, todas aquelas obras que teñen un proxecto iniciado desde fai tempo e que están aprobadas nos orzamentos da Xunta de Galicia e polo Parlamento Galego en decembro pasado, por lóxica, responsabilidade, coherencia e legalidade teñen que seguir o seu proceso normal, pero sen acelerar, nin adiantar ningún prazo, senón respectando os prazos previamente establecidos para esas obras poidan satisfacer as necesidades dos cidadáns galegos o antes posible”, opinou Caride.

Sociedade