Carlos Aymerich (BNG): “A interpretación da lei dos populares é incompatible coa Constitución e co dereito ao sufraxio pasivo”

Carlos Aymerich (BNG): “A interpretación da lei dos populares é incompatible coa Constitución e co dereito ao sufraxio pasivo”

25 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

A gravidade das acusacións durante a precampaña electoral dos comicios municipais segue a a medrar, e agoiran unha xornadas previas ao 22 de maio de alta voltaxe no debate político. A cada día ábrese unha nova fronte de conflito entre os principais partidos e nin sequera as vacacións da Semana Santa detiveron esta escalada. Foi precisamente durante esas xornadas que o Partido Popular aproveitou para reclamar a inhabilitación do alcalde de Arzú

A Xunta Electoral de Zona de Santiago declarou "inelixible" ao aspirante á reelección atendendo a unha reclamación dos populares. Estes referiron que o candidato do BNG fora condenado polo Xulgado do Penal número 1 da Coruña a seis meses de "inhabilitación para exercer como cargo público" por un delito de desobediencia. O fallo, recorrido na Audiencia Provincial e aínda non firme, atribúelle a García Couso o adiamento deliberado dunha sentenza do Supremo que establecía a demolición do sexto andar dun edificio da vila arzuá. Dáse a circunstancia de que esta orde se ditara en 1999, cando o goberno local estaba en mans do PP. Porén, os populares reclamaron agora a suspensión da candidatura do alcalde nacionalista apoiándose nunha interpretación literal do artigo 6 da reformada lei electoral, que establece esa sanción para os delitos de terrorismo e contra a administración pública.

O BNG reclama contra o uso de mala fe por parte dos conservadores dun texto deseñado para controlar o acceso de Batasuna e a contorna etarra aos comicios. Non obstante, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, defendeu nesta xornada a actuación que atribuíu a unha actuación independente da xustiza con cuxas competencia hai que ser "respectuosos", reclamou.

O voceiro parlamentario do Bloque, Carlos Aymerich, cualificou hoxe de "noxento" o comportamento dos populares e explicou que a interpretación da lei que formularon é "incompatible coa Constitución e co dereito fundamental ao sufraxio pasivo", polo que vai presentar recurso contra a decisión da Xunta electoral e apelará ao Tribunal Constitucional se non prospera. Aymerich tamén advertiu que "non imos permitir que se nos aplique só a nós" e lembrou que, se toca inhabilitar aos cargos públicos malia que non teñan condena firme, entón o PP ten imputados a numerosos cargos, como os da Operación Orquesta ou o presidente da Comunidade Valenciana, Francisco Camps. O BNG estará "vixiante", ameazou. 

O caso contra o alcalde de Arzúa, Xaquín García Couso, prodúcese despois de que este revelase, a través dunha gravación, o suposto intento de chantaxe que no ano 2009 tería realizado sobre el o por entón director da radio municipal, Armando Cascón, ao que afastou do cargo por entender que esa responsabilidade era incompatible coa súa proclamación como candidato do Partido Popular. Cascón querelouse contra o rexedor do Bloque e negou as acusacións. Dende o Partido Socialista, o portavoz no Pazo do Hórreo, Abel Losada, teimaba este mediodía na idea dunha "vendetta política" organizada polo PP, ao que se referiu como o partido do "xogo sucio". 

O voceiro do PpdeG no Parlamento, Pedro Puy, teimou nesta xornada nas teses de Feijóo, manifestando o respecto que lle mereceu a resolución da Xunta Electoral. Respondendo ás advertencias de Aymerich, concedeu que "a lei é igual para todos" e que caberían entender resolucións semellantes en casos de candidatos sobre os que exista unha sentenza de "inhabilitación"

Institucional