Carme Freire, secretaria xeral do SLG: “Juárez di que non se rebele ninguén porque a Xunta non está disposta a defendernos”.

Carme Freire, secretaria xeral do SLG: “Juárez di que non se rebele ninguén porque a Xunta non está disposta a defendernos”.

26 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Todos os gandeiros afectados pola crise do sector lácteo están convocados á mobilización que o Sindicato Labrego Galego (SLG) organizará ante a sede da Consellaría do Medio Rural en Santiago de Compostela mañá mércores. “Será unha resposta colectiva diante da Xunta e do señor Jesús Lence –director de Leite Río- para explicarlles que non se pode xogar coa nosa vida e dicirnos que non podemos negociar o prez

As accións de baleirado de vehículos cargados de leite que se sucederon en varias vilas galegas entre a fin de semana e o luns co apoio do SLG xustifícanse como resposta ás “chantaxes de Jesús Lence, ás que ten afeitos xa a todos os gandeiros”. O propietario de Leite Río, que ameazara con suspender hoxe a recollida de leite en toda Galicia (e non só nas dúas explotacións da Mariña lucense polas que comezaron as protestas) se continuaban os incidentes, “quere amedrentarnos, pero non lle imos dar argumentos”, insiste Carme Freire. A representante sindical considera que o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, está a desprotexer o sector con “falta de respostas e covardía”, e tamén lle pide á ministra Elena Espinosa que “reflexione sobre se as normas se poden cambiar e facer á medida do pobo ao que representan”. Freire coida que a solución á crise do sector lácteo pasa porque a Unión Europea aposte polo “control dos excedentes e garantir un prezo para o produto”.

A tractorada prevista hai varias semanas para a presente xornada desconvocárase ante unha reunión da mesa do leite na que se pretende avanzar no deseño dun plan de choque urxente que alivie o momento crítico que están a padecer milleiros de explotacións gandeiras galegas. Mais Carme Freire afirma que, se logo da manifestación do mércores ante a Xunta non hai respostas, “recuperar medidas como a tractorada e outras é algo posible neste momento”.

Sociedade