Carmen Porta: “A lectura goza de boa saúde en Ferrol”

Carmen Porta: “A lectura goza de boa saúde en Ferrol”

09 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Na Praza de España de Ferrol, no antigo edificio do Banco de España, atópase a biblioteca municipal. A irmá maior de dúas sucursais, a biblioteca de Caranza e a do Inferniño. A biblioteca ferrolá ademais, non formalmente pero sí de feito, funciona en rede coas bibliotecas municipais das grandes cidades galegas (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo). Todas xuntas proporcionan os mesmos servizos e os usuarios teñen acceso a

75 mil volumes agóchanse no fondo da Biblioteca Municipal de Ferrol aos que hai que sumar uns 8 mil da de Caranza e outro tanto na do Inferniño. Divídese en cinco andares, o semi-soto e catro plantas superiores. No semi-soto atopamos o depósito de libros, un auténtico paraíso, con milleiros de publicacións que xa non se demandan e onde durmen xoias marabillosas como os Aranzadi de principios do século XIX. O lugar, onde aínda se pode ollar a caixa forte do antigo banco, serverá de espazo para unha futura sala de exposicións. Na planta baixa encaramos co mostrador de atención ao cliente e logo distintas seccións: a de música e imaxe con seis espazos para escoitar música ou adicados ao audiovisual; a hemeroteca, con máis de 200 publicacións anuais; e a sección infantil que ten a particularidade de posuír un pequeno apartado  para os pais ou os acompañantes dos pequenos con volumes de temática educativa. Subindo polo edificio chegamos ao primeiro andar destinado á sección de préstamo e unha sala web con 14 ordenadores. O segundo piso acolle a sala de información e referencia, outra sala web con 18 ordenadores e a sección de fondo local. Nesta última recóllense unhas 6 mil publicacións relacionadas con Ferrol, editadas na cidade ou as de autores ferroláns. Xa na terceira planta están as oficinas de administración, unha aula de informática con 16 postos e outra audiovisual con 72 prazas, ambas con videoconferencia e cañón audiovisual.

Aínda que a cifra de socios inscritos ascende aos 20 mil, só no 2009 contabilizáronse 136 mil visitas. A media anual de usuarios activos rondan os 5 ou 6 mil e a media diaria de visitas é de 600 persoas. Un estudo revela que a muller, con pouca diferenza, é a que usa máis os recursos da biblioteca. Os máis pequenos son os que menos acuden á instalación polo que se vai pór en marcha un proxecto de animación á lectura.”Temos moito que ofrecer aos nenos, discos, libros,  revistas, cómics, materias que enriquecen a vida da persoa” sinala Carmen Porta. Para achegar aos cativos á biblioteca programan tamén outras actividades para o verán. “ A hora do conto” e “As miñas lecturas favoritas” que contará coa presencia de Xavier Alcalá e que continuará en setembro con Marina mayoral e Yolanda Castaño entroutros autores.

Do fondo un 30% corresponde a narrativa infantil e o resto para público adulto. O fondo en galego atópase nun apartado propio na sección de adultos. Non así no dos pequenos que se mesturan nos andeis co resto de volumes pois agora os nenos son bilingües, explica a responsable da biblioteca. A lectura en lingua galega segue a ser a asignatura pendente. “Ten pouco movemento. Só se aproveita o 15% da colección”.

A biblioteca conta cunha web propia onde se ofrecen servizos virtuais como información bibliográfica, solicitude e suxerencia de compra de libros, servizo de documentación lexislativa, renovacións de préstamos de libros e acceso gratuíto dos socios a recursos electrónicos. En vindeiras datas porán en marcha o servizo asistencial de préstamo a domicilio en colaboración coa concellería de benestar de Ferrol e o grupo de voluntariado do concello.

Sociedade