Carral demostra o sábado que “quere galego”

Carral demostra o sábado que “quere galego”

20 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Galicia somos nós, a xente e máis a fala. Este verso de Manuel María serve de lema para o acto que Queremos Galego organiza para este sábado en Carral. Un dos seus organizadores, Amancio Sotillo, fixo un chamamento desde os micrófonos de Radiofusión a “defender a lingua dos ataques que está a sufrir desde dentro do país”.

Participarán no acto cos seus discursos o dramaturgo Manuel Lourenzo, a profesora Pilar García Negro, o escritor Mario Gallego Rey, a seleccionadora de fútbol Pilar Neira ou coreógrafo Quique Peón, entre outros. Amancio Sotillo explicou que quixeron contar “con referentes na defensa da lingua”, pero que o micrófono está a disposición de todos aqueles que queiran manifestar o seu compromiso co idioma. A palabra acompañárase de música. Actuarán en Carral A Quenlla, Miro Casabella, Tino Vaz, Grupo Catalmibre e as pandereteiras Xoldreira, así como os grupos de baile Nosa Señora do Carmen e Terra Sena.

Aínda que o colectivo levaba tempo pensando en poñer en marcha unha actividade lúdico-reivindicativa, Sotillo coida que a actualidade informativa desta semana demostra a súa vixencia. “Son necesarios actos coma este ante desfeitas como as ocorridas no Senado, onde deputadas galegas negáronse a utilizar a lingua propia da nosa terra”, declarou en relación a polémica pola entrada do plurilingüismo na Cámara Alta.

Sociedade