Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo

Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo

18 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Ricardo Carvalho Calero, a súa vida e a súa obra, son sos protagonistas dunha mostra que se inaugura esta tarde no centro que leva o seu nome, no Inferniño. O alcalde, Vicente Irisarri, preside o acto de apertura ás 19:30 horas.

A mostra enmárcase dentro dos actos de conmemoración do centenario do nacemento deste ferrolán ilustre, filólogo, mestre de varias xeracións e militante activo do nacionalismo e do galeguismo. A defensa da lingua galega e das correntes reintegracionistas foi unha constante na súa vida, que se apagaba na Coruña en marzo de 1990.

O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, inaugura a mostra, que leva por título “Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo”. Para a súa montaxe contouse coa colaboración de familiares de Carvalho Calero, da Biblioteca do Parlamento Galego -que cedeu manuscritos e libros do homenaxeado- e da TVG, que aportou material audiovisual. A exposición, que permanecerá aberta ao público durante un mínimo de quince días, estará integrada por libros, fotografías, escritos, documentos sobre diferentes etapas da vida do pensador ou obxectos persoais como plumas, un bastón, o seu birrete, ou a súa medalla de membro da Real Academia Galega.

O material que sexa posible será dixitalizado coa intención de volcalo posteriormente nuns paneis que quedarán como patrimonio do Concello de Ferrol a modo de exposición.

Cultura