A Casa da Mocidade de Allariz inaugúrase este venres

A Casa da Mocidade de Allariz inaugúrase este venres

29 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Unha aula de informática, un local de ensaio para grupos musicais e as instalacións de Radio Allariz son algúns dos espazos que configuran a Casa da Mocidade de Allariz. Inaugúrase este venres ás sete e media da tarde e o sábado e o domingo prográmanse xornadas de portas abertas. Preténdese converter en centro de dinamización xuvenil da vila e da comarca. Conta con todos os instrumentos necesarios para lograr a atracción de mozos e mozas.

O acto protocolario comezará o venres, 3 de xullo, ás 19:30h no local situado na rúa da Liberdade s/n (paralela á rúa Godalla). Á inauguración asistirá o Director Xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, o alcalde de Alalriz, Francisco García e a Concelleira de Mocidade, Elena Suárez.

Os días 4 e 5 de xullo, serán Xornadas de Portas abertas.  A Casa da mocidade permanecerá aberta para que os mozos e mozas coñezan os servizos que ofrece esta nova instalación.

Seiscentos metros cadrados para os mozos e  mozas alarican@s.

A Casa da Mocidade de Allariz, con 600 m2 , albergará unha aula de informática que será o telecentro da vila onde se instalará a Casa das Novas Tecnoloxías nunha ampla oferta de servizos; un local de ensaio totalmente equipado, con estudio de grabación;a radio local Radio Allariz; e espazos recreativos para os mozos e mozas de Allariz no que se ubicará unha sala de reunións, xogos e televisión.

Ademais dos espazos interiores haberá unha zona exterior que permitirá realizar actividades de ocio e deporte, na que se instalará unha pista deportiva e zonas de parque público.

Sociedade