A Casa da xuventude de Vilalba acolleu unha xuntanza con asociacións onde se informou sobre as novas axudas para proxectos xuvenís

A Casa da xuventude de Vilalba acolleu unha xuntanza con asociacións onde se informou sobre as novas axudas para proxectos xuvenís

14 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado achegou o novo modelo de participación xuvenil ás asociacións de mozos da comarca da Terra Chá nun acto que tivo lugar hoxe na Casa da Xuventude de Vilalba. Ademais, o representante de Xuventude, Francisco García Quiroga, informou aos presentes das axudas que, por primeira vez, inclúen aos grupos informais aínda que non estean constituídos oficialmente como asociación. O prazo para presentar a

Esta orde de subvencións aumentou o seu orzamento en case o 70 por cento, ao pasar dos 400.000 euros aos 675.000. O importe máximo subvencionable é de 7.000 euros, unha cantidade que non poderá superar o 80 por cento do custo total do proxecto.

As axudas que se poderán solicitar concentraranse en 3 áreas de atención prioritarias: os proxectos destinados ao tempo de lecer e o educativo, aos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e as novas tecnoloxías, e aos de fomento de actitudes creativas, emprendedoras, innovadoras e participativas da mocidade na súa comunidade. Só se poderá pedir a axuda para unha área concreta, aínda que García Quiroga indicou “que sería convinte que se incluísen actividades doutras áreas para ter mais opcións de concesión”.

Os que poden optar a solicitar esta subvención son as asociacións debidamente establecidas e os grupos informais, é dicir, aqueles mozos que non pertencen a unha asociación e que desexen realizar unha iniciativa. Neste último caso deben cumprir unha serie de requisitos, como ser mais de 5, ter idades comprendidas entre os 18 e os 29 anos, que un deles asuma o papel de representante único do grupo, que unha persoa non forme parte de mais dun grupo informal e que deberá ter unha denominación que os identifique como colectivo.

O financiamento permitirá sufragar os custes do proxecto e a compra de bens inventariables, aínda que esta última opción é só para as asociacións e non para os grupos informais.

Criterios de Valoración
Entre os criterios de valoración para a concesión das axudas destacan a calidade do deseño e do contido do proxecto; o programa de actividades; a súa creatividade e innovación; a metodoloxía e os indicadores obxectivables; a implicación dos participantes e o efecto multiplicador, así como o cofinanciamento ou emprego da lingua galega.

Documentación a presentar

Desde a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado informouse de que os que opten á axuda deberán presentar  unha fotocopia do DNI da persoa que subscribe a solicitude; a acreditación da súa lexitimación como representante da entidade, o certificado da conta bancaria aberta a nome da entidade, unha declaración de non estar incursa nas prohibicións do artigo 10 da lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a solicitude debidamente cuberta, a declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución; e a declaración xurada de que a asociación ten local propio, sexa por aluguer, cesión, doazón, compra etc.

Unha vez concedida a axuda deberase xustificar, ata o 31 de outubro, mediante unha Memoria das actividades realizadas, as facturas orixinais de todos os gastos e unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o proxecto ou apra a adquisición de material inventariable.

Sociedade