A Casa do Emigrante de Viveiro atende 800 novas consultas

A Casa do Emigrante de Viveiro atende 800 novas consultas

14 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

A Deputación e o Concello de Viveiro puxeron en marcha esta iniciativa en 2009 e en tan só dous anos converteuse nun punto de referencia en materia de inmigración e emigración de toda a  provincia e doutras partes de Galicia como o norte da Coruña. Segundo datos do INE, dos 350.564 galegos residentes no exterior, case 47.000 son lugueses e o 73% residen en Iberoamérica.

A Casa do Emigrante, creada pola Deputación e o Concello de Viveiro en 2009, leva máis de dous anos prestando o seu apoio a todos os inmigrantes e ós emigrantes galegos no exterior. Dende que comezou a súa andaina son máis de 800 os novos casos que se rexistraron e poden chegar a atender ata máis de 200 consultas mensuais, polo que a día de hoxe é un punto de referencia en materia de inmigración e emigración en toda a provincia de Lugo e incluso no resto de Galicia.
O organismo provincial puxo en marcha esta oficina para a comunidade de galegos residentes no exterior, e da necesidade real que existe á hora de ofrecer e manter en funcionamento un servizo deste tipo, pois segundo cifras facilitadas pola Casa do Emigrante o 7% da poboación desta localidade mariñana é inmigrante, e en Lugo 3 de cada 100 lucenses son extranxeiros.
Son moitas as áreas nas que se presta a atención dende a Casa do Emigrante, pero o fundamental do traballo diario céntrase en tres eixos, a atención xurídico-administrativa, o apoio e reforzo educativo e a intervención familiar. Dentro da parte administrativa, o persoal ademais de ofrecer información e asesoramento para cada caso particular, traballa coordinadamente con diferentes administracións e organismos como son a Policía Nacional e Local, a Oficina de Extranxeiros da Subdelegacion do Goberno en Lugo ou os servizos sociais doutros concellos.
Por outra banda, os programas de apoio e reforzo educativo, centran o segundo obxectivo da oficina, e abarcan puntos esenciais para facilitar a comprensión e o acceso ó noso sistema educativo. Ofertan programas de acollida educativa, informan sobre axudas e recursos no ámbito escolar e levan adiante proxectos de educación intercultural.
O terceiro dos puntos clave do traballo do organismo dependente da Deputación engloba todo o que ten que ver coa a área de intervención familiar.
A parte destas actuacións concretas, o constante incremento de inmigrantes na zona conleva un maior esforzo nestes temas, e aumenta as áreas de traballo en función das necesidades deste colectivo. Por tanto, o departamento tamén se preocupa de temas como o emprego, un factor esencial para a integración do colectivo inmigrante na nosa sociedade; a muller, cunha atención especializada en caso de violencia de xénero ou a vivenda; ou os programas de mediación veciñal e convivencia intercultural para lograr unha boa acollida e integración destas persoas.

Sociedade